Aprendendo do revés

Nun momento no que as pedagoxías alternativas gañan relevancia, gustaríame revisar estes tres últimos anos de traballo dentro do modelo de falsa clase do revés. Contextualización: cada alumno dispón dun portátil para uso individual nunha aula taller dotada de smartboard e wifi. O intercambio de información ten lugar dentro da plataforma educativa Google Classroom.

Comezo a clase comentando o plan para esa sesión e introducindo os contidos que son novos ese día. A continuación presento os recursos que o alumnado pode consultar, e finalmente propoño as actividades que deben ser realizadas. Esta parte introdutoria nunca supera os 15 minutos.

A maioría do alumnado é quen de desenvolver o seu traballo de forma autónoma, consultándome puntualmente dúbidas que non pode resolver cos materiais de consulta, ou facendo apoios entre iguais, pois sempre traballan coas mesas agrupadas. Mentres, eu superviso o traballo de todos movéndome de forma continuada polo taller, e dispoño de máis tempo para o alumnado que presenta máis dificultades.

Una vez rematadas as tarefas do día, poden revisar tarefas de días anteriores para mellorar as súas calificacións. Finalmente, dispoñen dunha área lúdica, a Área de Xogos, que recompila diferentes xogos relacionados con contidos da materia.

Estas son algunhas das conclusións ás que cheguei despois destes tres anos:

  • A organización de tempos e espazos facilita que o alumnado sexa o protagonista da súa propia aprendizaxe, conseguindo así que a súa implicación sexa extraordinaria.
  • A maioría do alumnado obtén a máxima calificación na realización das actividades porque se trata de tarefas asequibles que poden ser realizadas durante unha única sesión, e revisadas e melloradas en sesións posteriores. É máis fácil abordar dúas actividades simples que unha de maior duración e complexidade.
  • Mentres realizan as actividades recompilan imaxes, páxinas, vídeos,… que utilizarán como material de consulta para resolver os exercicios do exame da unidade. O simple feito de dispoñer dun ordenador para a realización da proba, non garante un bo resultado, pois eles mesmos poden comprobar que o tempo é un factor limitante e resulta imprescindible un bo aproveitamento das sesións previas.
  • A área de xogos é un elemento motivador que aporta contido e premia un bo aproveitamento do tempo. O alumnado con frecuencia fai propostas para incorporar novos elementos a este espazo.
  • Debo revisar, corrixir e puntuar cada unha das actividades antes de que teña lugar a seguinte sesión, polo que necesito planificar moi ben a miña docencia para manter o meu compromiso. Isto pode conseguirse alternando con sesións máis prácticas nas que o alumnado desenvolve proxectos en grupo.
  • En xeral, o alumnado desfruta das clases e eu tamén. Hai ocasións nas que eles e eu nos sorprendemos do rápido que pasou o tempo cando soa o timbre. E iso é emocionante.