Notas

Bo día!

Sabes que por circunstancias persoais esta fin de curso me colleu con pouco tempo. Acabo de rematar de poñer as notas de 4º de tecnoloxía e se queres saber a túa, só tes que enviarme un mail: tmancebo@edu.xunta.es

Cando teña as notas de informática tamén colgarei un aviso no blog. Saúdos!

importante

Tecnoloxía e sociedade: traballo por parellas

Cada parella debe realizar unha exposición de 5 minutos de duración (como mínimo) sobre o invento que lle corresponda no sorteo que realizaremos en clase. Emprega o formato que desexes: presentación, póster, vídeo,… e se queres, trae obxectos para mostrar durante a exposición.

Información que debe conter o traballo:

  1. Data de invención (o máis aproximada posible)
  2. Nome do inventor (a autoría pode non estar clara ou ser compartida) e unha breve biografía
  3. Utilidade do invento e como funciona
  4. Antecedentes do invento (que se empregaba antes de existir)
  5. Impacto do invento (como modificou a vida das persoas a súa utilización)
  6. Evolución do invento (dende a súa creación até os nosos días)
  7. Como imaxinades a vida actual sen ese invento


Photo credit: mconnors from morguefile.com

Proxectos de 4º

Os proxectos de 4º de ESO puxéronse en marcha hai semanas. Cada grupo deseña o seu prototipo e se responsabiliza do deseño, construción e programación, pois todos eles funcionan controlados por un PICAXE. Este ano teremos ascensores, microondas, unha caixa de música, pasos a nivel, habitacións domóticas,… Proximamente, as primeiras fotos!


Photo credit: mconnors from morguefile.com

Clases de apoio

Como vén sendo habitual, este ano tamén impartirei clases de apoio de Tecnoloxía para a parte científico-técnica da proba de acceso a FP de grao medio. Comezaremos á volta das vacacións e serán durante os recreos (xa vos informarei dos días e das horas por se queredes asistir). Repasaremos exames de convocatorias anteriores e aprenderemos a respostar un exame tipo test onde os erros restan puntos 🙂

Cultura e Educación abre este luns 28 o prazo de inscrición para as probas de ac

Reflexións sobre o MUNCYT

Hai poucas semanas que visitei o MUNCYT de Coruña por primeira vez acompañando a un grupo de alumnxs de 4º de ESO nunha actividade organizada conxuntamente polos departamentos de Ciencias Naturais, Física e Química e Tecnoloxía. Onte volvín de novo e nesta ocasión fíxeno coa familia.OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Visitar os lugares por segunda vez proporciona a oportunidade de prestar máis atención a aquelas cousas que pasaron desapercibidas na primeira visita e incluso permite dispor do tempo necesario entre unha e outra para reflexionar.

Gústame o edificio do MUNCYT. A sensación de amplitude e a separación entre os diferentes espazos fan do museo un lugar acolledor e desfogado. Desfrutei con moitas das pezas alí expostas: as lentes de Fresnel do faro, a máquina Enigma ou o precioso proxector do Cine París (cantos recordos) xa están gardados na miña caixa de tesouros en forma de fotos.

Con todo, nesta segunda vez fun máis consciente de todo o que falta. Parece inexplicable que non existan pequenas exposicións adicadas, por exemplo, á evolución da telefonía ou dos soportes de almacenaxe da información. Pequenas liñas temporais que permitan a aqueles que non foron usuarios, saber que houbo un tempo no que os teléfonos non se levaban no bolso ou no que as aplicacións podían instalarse introducindo, un tras outro, dez disquetes de 3 1/2.

A evolución de obxectos tecnolóxicos relacionados con actividades básicas como a agricultura ou a pesca tampouco está recollida (salvo a excepción da completa colección de martelos) e poderían ser temas interesantes para encher todo o espazo que aínda está dispoñible nas paredes e nas salas do MUNCYT.

Como curiosidade non quedo coa visita ao interior do 747 senón coas máquinas de escribir das que meus fillos quedaron prendados. Os tres saíron do museo cun papel escrito por eles que pertence xa a súa caixa de tesouros.

Visita moi recomendable.

O mundo á noite: pon o teu punto no mapa

Un ano máis está en marcha Globe at Night, un proxecto colaborativo sobre contaminación lumínica a nivel mundial. Participar é moi sinxelo. Observa a constelación de Orión a simple vista e compara as túas observacións cos mapas estelares que atoparás nesta páxina.

globe_at_night

Esta primeira fase estará aberta ate o 12 de Xaneiro (avisarei das seguintes). Pon o teu punto no mapa!!!

mapa