LCD + arduino con mBlock

Esta entrada parte do magnífico, interesante e orixinal traballo de Dani Sanz (gracias por compartir!!!) e en particular, do reto #11 .

O control dunha pantalla LCD con arduino é unha tarefa sinxela que pode facerse dende o IDE empregando as librarías adecuadas. Agora tamén é posible controlala dende mBlock, o entorno de programación baseado en Scratch que MakeBlock desenvolveu para os seus robots.

Se queres ter unha descrición de todo o proceso coa explicación detallada de cada paso, podes consultar a entrada que escribín no foro de MakeBlock. Aquí farei unha versión simplificada.

O primeiro que terás que facer será descargar a extensión correspondente. A miña recomendación é que non uses LCD with I2C interface, dispoñible no administrador de extensións de mBlock, senón que descargues NewLiquidCrystal_1.3.4 dende GitHub. Esta librería vaiche ofrecer 8 direccións para o I2C fronte ás 3 que permite a primeira (NOTA: se non sabes que dirección emprega o teu módulo I2C, podes determinala co programa I2C_scan).

Abre mBlock, menú Extensiones-Administrar Extensiones e fai clic en Añadir Extensión. Ábrese unha ventá como a da imaxe e tes que seleccionar zip file para engadir o arquivo que acabas de descargar.

Cando fas clic en Abrir para engadir a extensión, ábrese o navegador cunha pestana para informar dunha incidencia. Péchaa e engade novamente a extensión se é necesario.

As extensións engadidas non aparecen inmediatamente na ventá Administrar Extensiones, senón que é preciso agardar un pouco e mesmo pechar a ventá e abrila de novo. A extensión que estamos buscando é LCD I2C Pack. Terás que seleccionala e facer clic en Bajar. Na imaxe aparece xa instalada no meu equipo.

Podes comprobar se xa a tes instalada porque a extensión aparece na área de programas de mBlock. Neste caso aparece o círculo en vermello porque non teño conectada ningunha placa.

Tamén podes verificar que a extensión está instalada indo a:
C:\Users\o_teu_usuario\AppData\Roaming\com.makeblock.Scratch3.4.10\Local Store\mBlock\libraries

e vendo que tes unha carpeta co nome LCD I2C Pack.

Abre a carpeta C:\Program Files (x86)\mBlock\Arduino\hardware\arduino\avr\libraries e comproba se existe unha carpeta dentro dela co nome NewliquidCrystal. Se non é así, descomprime o arquivo NewliquidCrystal_1.3.4-master.zip que descargaches ao comezo, abre a carpeta NewliquidCrystal_1.3.4-master e copia a carpeta NewliquidCrystal que encontrarás dentro dela. Para finalizar, pégaa en C:\Program Files (x86)\mBlock\Arduino\hardware\arduino\avr\libraries

Agora xa podes controlar unha pantalla LCD co teu arduino programando dende mBlock.

Arduino: introducir valores RGB con entrada única

Un LED RGB pode acenderse controlando as tres compoñentes (vermello (R), verde(G) e azul (B)) de forma independente. O valor que toma cada unha das compoñentes pode asignarse dentro do programa ou introducirse a través do monitor serie. O máis habitual é introducir os valores RGB un a un empregando a función Serial.read(). Neste post veremos como facelo nunha única entrada.

Unha vez definidas as variables, declarados os pines e iniciado o monitor serie, comezamos co bloque loop().

A función Serial.readStringUntil() permite almacenar nun string o texto introducido co teclado até que se pulsa enter. Esta cadea debe ser fragmentada en tres cadeas máis pequenas, unha para cada un dos valores RGB. Para iso, debo localizar a posición dos delimitadores que uso, que neste caso son comas (‘,’). Para este propósito emprego a función string.indexOf().

A continuación utilizo a función string.substring() para extraer a porción de cadea que corresponde ao R, ao G e ao B e almaceno esas subcadeas.

Para poder operar cos valores RGB obtidos, debo facer unha conversión de string a int que realizo con string.toInt(). Xa só queda chamar a función cor cos parámetros R, G, B e observar como o LED se acende.

Pong con Scratch

Estes días o alumnado de 2º da ESO debe crear un videoxogo usando Scratch, por iso recurpero esta entrada do ano pasado.

Seguro que coñeces o Pong, un xogo integrado nas primeiras videoconsolas dos anos 70. Sabes que podes empregar unha placa de arduino e o entorno de prgramación de mBlock para realizar a túa propia versión? Os xogadores da miña móvense utilizando potenciómetros, como no xogo clásico.

Podes tomar o meu como base e engadirlle extras como a opción de modificar a lonxitude dos xogadores ou a velocidade da bola.

Domótica con arduino

Podes utilizar unha placa de arduino para controlar dispositivos domésticos. O dispositivo conéctase a un relé e este acciónase dende a placa de arduino. Ollo coas tensións porque haberá partes do teu circuíto que funcionen a 220 V.

O vídeo é unha proba de concepto realizada cunha bombilla. Neste caso programei un pestanexo que sucede cada 2 s pero poderías cambiar a configuración para que se acendera como resposta á lectura dun sensor.

OSHWDem 2016

Xa está anunciado o OSHWDem 2016. Terá lugar o 5 de novembro na Domus de Coruña. Prepara o teu robot para as competicións de robótica, participa nos talleres, visita a exposición de proxectos,…

Se queres saber máis, fai clic aquí.

Pong con arduino

Seguro que coñeces o Pong, un xogo integrado nas primeiras videoconsolas dos anos 70. Sabes que podes empregar unha placa de arduino e o entorno de prgramación de mBlock para realizar a túa propia versión? Os xogadores da miña móvense utilizando potenciómetros, como no xogo clásico.

Podes tomar o meu como base e engadirlle extras como a opción de modificar a lonxitude dos xogadores ou a velocidade da bola.

Ventá do monitor Serial

LCD dende o teclado

Se inicias a conexión serie e empregas as funcións definidas, podes escribir nunha pantalla LCD facilmente dende o teclado. O maior problema que presenta esta práctica é o axuste do texto ao tamaño das liñas da pantalla.

Deixo o código que permite distribuír convenientemente e de forma automática o texto introducido a través do teclado. É importante que cambies a opción da ventá do monitor tal e como se indica na imaxe superior para que se detecte a nova liña.

Código

Se queres máis información, visita esta páxina.

Pantalla LCD controlada cun I2C

LCD con bus I2C

Resulta tedioso realizar as conexións necesarias para o control dun LCD con arduino, pero é posible simplificar esta tarefa empregando o bus I2C. Cun módulo I2C só precisarás dous cables, un para transmitir datos (SDA) e outro para o reloxo que indica cando deben ser lidos os datos (SCL).

i2c-serial-lcd-display

As conexións quedan da seguinte maneira:

  • GND: vai ao pin GND da placa de arduino
  • VCC: vai ao pin de 5V da placa de arduino
  • SDA: se estás usando unha placa de arduino UNO, conéctao ao pin A4
  • SCL: se estás usando unha placa de arduino UNO, conéctao ao pin A5.

Hai placas que incorporan pines SDA e SCL e por tanto non é necesario usar A4 e A5.

Necesitarás incluír dúas librarías nos teus programas:

  • Wire: serve para establecer a comunicación entre o arduino e o módulo I2C. Xa está instalada no IDE de arduino.
  • LiquidCrystal_I2C: serve para controlar o LCD dende o módulo I2C e podes descargala dende o propio IDE (Sketch-Include Library-Manage Libraries…).

Un exemplo de programa:

exemplo

Observa que cando se declara o LCD co nome pantalla, asígnaselle unha dirección (0x3F) e indícase o seu tamaño (columnas, filas). A dirección varía dependendo do integrado que teña o módulo I2C. Na seguinte imaxe recóllese a relación dos máis habituais pero tamén podes obtela para o teu dispositivo conectándoo e empregando o programa I2C_scan.

captura 160808_497

Para máis información podes ver este vídeo e consultar esta páxina.

Extensión de Scratch para arduino

Scratch para arduino é a extensión en fase de proba que podes atopar en Scratch X e que che permitirá controlar a túa placa de arduino a través do navegador.

Deixo as instrucións para a súa utilización: (fai clic aquí se queres ver a entrada orixinal pero a ligazón para descargar o plugin está rota)

Actualiza Firmata no IDE de arduino

captura 160719_473

 

Abre StandardFirmata e cárgao na placa que vaias usar

captura 160719_474

 

Descarga o plugin para o navegador

Fai clic aquí para descargar o plugin e execútao para a súa instalación. Este plugin serve para Firefox e en principio, para calquera navegador diferente a Chrome. Existe un plugin para Chrome pero comenta o autor que de momento non funciona correctamente.

 

Executa a extensión en Firefox

Fai clic aquí para acceder á extensión de Scratch para arduino pero asegúrate de que se abre cun navegador diferente a Chrome, por exemplo, Firefox. Terás que permitir a execución dos plugins.

Se todo é correcto, terás luz verde na sección More Blocks e poderás programar a túa placa de arduino.

captura 160719_478

 

mBlock + arduino + joystick

mBlock é o entorno de programación pensado para controlar o robot mBot. Ademais, pode utilizarse para programar placas de arduino e interaccionar a través delas cos obxectos que creamos en mBlock.

No seguinte vídeo podes ver como utilizar un joystick para mover unha nave de mBlock sobre o escenario de xogo. É só unha proba de concepto pero ten todos os elementos básicos dun xogo, incluído o marcador. Anímaste a melloralo?

AAduino

En abril chegou o AAduino, unha placa de arduino inalámbrica de reducido tamaño pensada para ser introducida nun portapilas para baterías AA.

Se queres coñecer todas as especificacións desta placa, podes ler a entrada orixinal ou a revisión que fan dende xataka.

Proxectos 2015-16

Estou subindo os vídeos de funcionamento de varios dos proxectos realizados polo alumnado ao longo do curso 2015-16.

No vídeo desta entrada podes ver un telémetro ultrasónico. Unha placa de arduino UNO permite realizar a medida de distancias empregando un sensor ultrasónico. O resultado da medida é mostrado nun LCD.