Antares

Aproveita as noites de verán para observar o ceo! Podes utilizar Stellarium para preparar a túa observación durante o día e posteriormente localizar os obxectos.

Na imaxe vemos Saturno e Escorpio. No corazón do escorpión destaca Antares, o rival de Marte (Ares). Esta superxigante vermella atópase a uns 550 anos luz, o que significa que a luz que nos chega dela comezou a súa viaxe aproximadamente a mediados do século XV.

Timelapse con VirtualDub

Un timelapse é unha secuencia de vídeo que se reproduce a unha velocidade superior á que foi rexistrada, a fin de poder condensar nun pequeno espazo de tempo acontecementos que tiveron unha duración maior. Pode realizarse simplemente acelerando o vídeo gravado ou ben a partir dunha montaxe de fotografías tomadas a pequenos intervalos.

O seguinte exemplo está realizado con VirtualDub a partir de 300 imaxes tomadas ao longo de unha hora e media.

Esa estraña nube no ceo

Viches algunha vez a Vía Láctea? É probable que non. Calcúlase que un 80% da poboación mundial non pode ver a nosa galaxia debido á contaminación lumínica.

No ano 1994 a cidade de Los Ángeles sufriu un apagón importantísimo a consecuencia dun terremoto. As chamadas de emerxencia comezaron a sucederse, pois no ceo había unha estraña nube prateada e a xente quería saber que era e se tiña relación co terremoto. Moitos dos habitantes estaban contemplando a Vía Láctea por primeira vez!

Por onde anda a Voyager 1?

A sonda Voyager 1 foi lanzada en 1977 coa misión de explorar os límites do sistema solar. O verán pasado traspasounos e hai poucos días a NASA comunicaba que a sonda continúa viaxando polo espazo interestelar. Está previsto que continúe enviando información ate o ano 2025.

Trátase do primeiro obxecto humano en alcanzar o espazo interestelar e no seu interior pode atoparse un disco de ouro que contén información de interese sobre o noso planeta.

Impresionante, verdade?

E tivemos observación!

A Lúa, a Osa Maior con Mizar e Alcor, Saturno, moitas fotos e un chocolate ben quente para rematar (grazas, María!). Unha xornada preciosa que nos deixou a todxs con ganas de repetir.

Grazas por participar e a Salva Bará (AnB) por facelo posible. Vémonos na seguinte!

DSC_1159

Foto de Loli Blanco

Astronomía

Nesta páxina atoparedes fotos impresionantes e tamén a forma na que foron feitas, pois son todas elas “caseiras”.

Se contades cunha cámara dixital, uns prismáticos e algo de práctica, ao mellor as seguintes fotos de Astronomía que colgamos son vosas!

Nota importante: lembrade que en ningún caso debedes mirar ao Sol directamente ou a través duns prismáticos, telescopio,… Causa danos de visión irreversibles.