Impresora Legio

O meu centro foi dos que non recibiu a segunda fase da dotación STEM que enviou a Xunta o curso pasado. E cando xa estabamos a mirar alternativas para adquirir unha impresora 3D, chegou unha entrega de material que inclúe kits de arduino, dúas raspi… e unha Legio!!!

A impresora xa está operativa e este post resume os pasos necesarios para poñela en funcionamento.

Comeza por desembalar a impresora e segue as instrucións deste videotitorial para rematar a súa montaxe.

A continuación terás que seguir as indicacións do fabricante para instalar os drivers, o software de laminación e os perfís de impresión.Chegamos agora ao momento no que realizaremos un test de nivelación para que o fío de material fundido se deposite de forma axeitada sobre o vidro da plataforma. Podes descargar o test de nivelación aquí.

No meu caso, o test de nivelación parecía realizado por unha araña cafeínica, pois obtiña figuras como esta

Realicei movementos individuais dos tres eixes e atopei que o único que non respondía como se esperaba era o X, así que revisei o conector correspondente e como se pode ver na imaxe, un dos pines estaba dobrado.

Endereiteino, conectei de novo e esta vez todo funcionou correctamente.

E agora que? Podes atopar moitos obxectos no repositorio Thingiverse ou realizar os teus propios deseños con diferentes programas como Tinkercad.

Aproveito tamén para facer unha recompilación de diferentes páxinas que poden ser de interese:

Flash en Chrome

Estás en Chrome e ao facer clic sobre un arquivo de tipo flash, se inicia unha descarga na vez de executarse o arquivo? Podes evitalo facendo o seguinte:

  1. Vai á Configuración de Chrome e ao final da páxina, fai clic en Configuración avanzada.
  2. Dentro do bloque Privacidad y seguridad, fai clic en Configuración de contido.
  3. A continuación, fai clic en Flash e desactiva a opción Preguntar antes.

Código de cores e polímetro

Propóñovos unha pequena práctica para introducir o código de cores e o polímetro nunha sesión de 3º da ESO.

Por que utilizamos o código de cores? Comeza entregando unha resistencia a cada alumna e alumno do teu grupo, porque é fácil dar resposta a esta pregunta cunha resistencia na man, pero non resulta tan evidente se nunca viches unha.

Podes contarlles entón como usamos as cores para codificar o valor numérico dunha resistencia, e facer un par de exemplos co teu alumnado. Por se alguén necesita recordalo en calquera momento, podes preparar un videotitorial de consulta:

Unha vez teñas explicado como se len as tres primeiras bandas, xorde inevitablemente a dúbida de para que serve a 4ª banda. Coméntalles que os fabricantes non nos aseguran que a resistencia terá un valor numérico idéntico ao valor nominal, pero este vai estar comprendido entre dous valores, un máximo e un mínimo, que veñen determinados polo valor nominal e a tolerancia.

Sempre hai alguén que pregunta se podemos atopar resistencias cun rango de variación moi pequeno. Por suposto, pero antes deberiamos asegurarnos de que necesitamos esa precisión porque teremos que pagala. Nos circuítos que montamos no taller é suficiente unha precisión en torno ao 5% ou o 10% e por iso todas as resistencias que teñen nas mans presentan unha 4ª banda que é dourada ou prateada.

As resistencias do taller teñen o seu valor dentro do rango de variación indicado polo fabricante? Só temos unha maneira de sabelo: usando o polímetro. Acabamos de chegar ao polímetro como resposta a un problema, e aproveitamos para explicar como se utiliza.

Reparte polímetros pola clase e pide ao teu alumnado que determine o valor nominal, a tolerancia e o rango de variación da resistencia que ten na man. Pídelle a continuación que mida a resistencia co polímetro e determine se se atopa dentro do rango de variación que nos asegura o fabricante ou é preciso facermos unha reclamación 🙂

Con esta práctica o alumnado de 3º da ESO terá aprendido cal é o aspecto dunha resistencia comercial, que é o código de cores, para que serve e como se utiliza, que é o valor nominal, a tolerancia e o rango de variación, e finalmente aprenderá a medir resistencias cun polímetro.

Poñendo a punto o taller

Gústame aproveitar estes primeiros días de setembro, cando as clases aínda non comezaron, para cacharrear e poñer a punto o taller. Unha das tarefas que realizo cada ano é desmontar os proxectos de todo o curso para recuperar os compoñentes e clasificalos a continuación.

No meu departamento pensamos que a materia de tecnoloxía debe desenvolverse a custe cero para as familias, e por iso, todo o material que precisa o alumnado para a realización de cada proxecto ou práctica, se atopa dentro do taller. O departamento merca a madeira, a termocola, os motores, os compoñentes electrónicos, as placas de montaxe, as pinturas,… Para facelo sostible, cada ano desmontamos a maioría dos proxectos e recuperamos os seus elementos para usalos de novo.

Sempre hai un pequeno número de proxectos que se incorpora á exposición permanente que temos no taller, nun estante que percorre a parede máis longa da aula e que se atopa a un par de metros do chan. Cando o alumnado entra por primeira vez ao taller, pode ver e manipular os traballos que se realizaron nos cursos anteriores. Esa información tamén está accesible a través do vídeo que recolle a exposición de xuño e que publico cada ano na fin de curso.

Lanterna de papel

A compañía xaponesa Nendo acaba de presentar un novo dispositivo de iluminación. Trátase dunha lanterna de papel na que é posible regular a intensidade de iluminación e a temperatura de cor, enrolando convenientemente unha folla que contén circuítos impresos en ambas caras.

O feito de enrolar o papel máis ou menos apertado, varía a lonxitude do camiño para cada LED, e con iso a resistencia. Así ao deixalo máis frouxo a lanterna iluminará con menos intensidade. Pola contra, se apertamos máis ao enrodelar, a iluminación terá maior intensidade.

A temperatura de cor depende de se os LED quedan cubertos ou non polo papel, proporcionando así dúas opcións, luz quente e luz fría.

Polo momento, só se comercializa en Xapón e o seu prezo está en torno aos 60 €.

Semáforos no chan

Todos deberiamos gardar o móbil no peto cando camiñamos polas rúas, e aproveitar os nosos desprazamentos para desconectarnos dos dispositivos e conectarnos coa xente e os lugares. A realidade é que nin sequera andando despegamos os ollos das pantallas, e iso afecta á nosa seguridade como peóns.

Dende Australia propoñen unha solución que consiste en instalar dispositivos que funcionan como semáforos no chan, proporcionando ás persoas información para cruzar as rúas de maneira segura.

Visto en wwwhat’s new.

OSHWDem 2016

Xa está anunciado o OSHWDem 2016. Terá lugar o 5 de novembro na Domus de Coruña. Prepara o teu robot para as competicións de robótica, participa nos talleres, visita a exposición de proxectos,…

Se queres saber máis, fai clic aquí.

Whatsapp

Citar mensaxes en whatsapp

Coa última actualización de whatsapp é posible citar unha mensaxe concreta e respostala directamente. Esta opción pode ser moi útil cando mantemos conversas dentro dun grupo e as mensaxes continúan aparecendo mentres nós tecleamos.

Só tes que pulsar de forma prolongada sobre a mensaxe que queres citar, e a continuación premer sobre a frecha á esquerda que aparece no menú superior.

Visto en engadget.