Tipos de estruturas

Antes de termos o exame de estruturas, o alumnado realizou varias actividades dentro de Classroom. Unha delas tiña como obxectivo coñecer os diferentes tipos de estruturas artificiais. Para iso, proporcionei ao alumnado unha característica identificadora de cada tipo de estrutura, e pedín que buscaran imaxes de cada unha delas para elaborar pósters.

A tarefa foi realizada sobre documentos de Drive e entregada para a súa corrección e calificación a través de Classroom. Desta maneira puiden corrixir cada un dos traballos de forma individual, resolver dúbidas e indicar as correccións necesarias en cada caso.

Novas melloras en Classroom

Por fin chega a Classroom a puntuación decimal na calificación de tarefas! E non o fai soa, senón que vén acompañada de dúas melloras máis: a posibilidade de amosar o código dunha clase para que todo o alumnado poida velo dende unha pantalla, e a moi esperada reorganización das clases no panel principal (até agora as clases quedaban ordenadas segundo foran creadas e non era posible realizar modificacións sen eliminar e crear de novo).

A plataforma evolucionou considerablemente dende a súa creación pero todavía ten pendente a introdución da gamificación por exemplo, coa incorporación de badges.

folla de proceso

Folla de proceso

Estou traballando a resolución de problemas tecnolóxicos co alumnado de 2º da ESO. Como sempre, inicio cada clase cunha breve introdución de contidos (non máis de 15 minutos) seguida dunha serie de actividades que deben realizar individualmente en Classroom, moitas delas, a través de documentos de Drive.

Unha das tarefas da semana foi aprender a cubrir unha folla de proceso. Para iso, formulei un caso práctico no que dúas rapazas deben construír un obxecto formado por dúas pezas. Compartín este documento co alumnado e unha vez completado, revisei cada unha das follas de proceso para deixar os comentarios necesarios que lles permiten corrixir individualmente a tarefa.

Penso que este método é máis efectivo que corrixir unha tarefa no encerado, onde non teño un control real de como foi realizada por cada alumna e alumno. Con este modelo de sesión, podo saber ao remate da xornada que contidos quedaron claros e cales necesitan ser revisados en sesións posteriores.

Por certo, unha das cuestións da folla de proceso que máis desconcerta ao meu alumnado é facer unha estimación do tempo necesario para realizar cada peza. E revisando as súas respostas, vexo que Xiana e Marta traballan moito máis rápido que a maioría deles 🙂

Google Classroom

Dentro de Classroom

Esta semana comezo, por terceiro ano, co traballo dentro da plataforma educativa Classroom. Na primeira sesión o alumnado que aínda non o fixo se unirá ao seu grupo e poderá acceder ao contido. Normalmente introduzo o funcionamento da plataforma cunha pequena actividade na que o alumnado debe escribir a súa resposta nun comentario privado. O obxectivo é que aprenda a publicar un comentario e entregar unha tarefa.

A miña experiencia con Classroom dime que é preferible ir aos poucos, e por iso evito nestas primeiras tarefas o uso de documentos compartidos de Drive ou operacións como inserir imaxes.

O alumnado que remata a tarefa asignada para a sesión, pode ir á Área de Xogos. Nela recollo diferentes propostas que gardan relación co contido da materia. Tamén aparecen as recomendacións que o alumnado realiza cada ano a través do seu grupo de classroom, e que deben pasar unha revisión antes de ser incorporadas.

Esta será a mecánica de traballo ao longo de todo o curso: explicación de 10 minutos, actividades novas para realizar en Classroom, revisión e actualización das actividades anteriores, e Área de Xogos.

Importantes melloras en Classroom

Google anunciou onte importantes melloras na súa plataforma educativa Classroom. Entre elas, destaca o acceso ás fichas individuais do alumnado dunha clase, o que facilita moitísimo o traballo do profesorado en tarefas como a elaboración de informes de titoría. Tamén será posible reordear as clases e utilizar puntuacións decimais (por fin!).