Timelapse con VirtualDub

Un timelapse é unha secuencia de vídeo que se reproduce a unha velocidade superior á que foi rexistrada, a fin de poder condensar nun pequeno espazo de tempo acontecementos que tiveron unha duración maior. Pode realizarse simplemente acelerando o vídeo gravado ou ben a partir dunha montaxe de fotografías tomadas a pequenos intervalos.

O seguinte exemplo está realizado con VirtualDub a partir de 300 imaxes tomadas ao longo de unha hora e media.

Día da Muller e a Nena na Ciencia

Fai unha proba. Busca imaxes co texto “xoguetes para nenos” (toys for boys) e “xoguetes para nenas “(toys for girls). Vehículos, ferramentas, xogos de construción, bonecos articulados, robots,… para eles, e casiñas, bonecas, cociñas, toucadores, carriños de bebé, kits de maquillaxe… para elas.

As profesoras que traballamos en Ciencia e Tecnoloxía temos unha dobre responsabilidade de cara ás nosas alumnas. Ademais de acompañalas na súa aprendizaxe, debemos facerlles chegar a mensaxe de que esas áreas que dende a primeira infancia semellan estar reservadas para os chicos, tamén nos pertencen a todas nós.

Deixo un vídeo (subtitulado) que me chegou a través doutra profe, a miña amiga Goretti:

Semáforos no chan

Todos deberiamos gardar o móbil no peto cando camiñamos polas rúas, e aproveitar os nosos desprazamentos para desconectarnos dos dispositivos e conectarnos coa xente e os lugares. A realidade é que nin sequera andando despegamos os ollos das pantallas, e iso afecta á nosa seguridade como peóns.

Dende Australia propoñen unha solución que consiste en instalar dispositivos que funcionan como semáforos no chan, proporcionando ás persoas información para cruzar as rúas de maneira segura.

Visto en wwwhat’s new.

OSHWDem 2016

Xa está anunciado o OSHWDem 2016. Terá lugar o 5 de novembro na Domus de Coruña. Prepara o teu robot para as competicións de robótica, participa nos talleres, visita a exposición de proxectos,…

Se queres saber máis, fai clic aquí.

Esa estraña nube no ceo

Viches algunha vez a Vía Láctea? É probable que non. Calcúlase que un 80% da poboación mundial non pode ver a nosa galaxia debido á contaminación lumínica.

No ano 1994 a cidade de Los Ángeles sufriu un apagón importantísimo a consecuencia dun terremoto. As chamadas de emerxencia comezaron a sucederse, pois no ceo había unha estraña nube prateada e a xente quería saber que era e se tiña relación co terremoto. Moitos dos habitantes estaban contemplando a Vía Láctea por primeira vez!

Máquina de Ruber Goldberg

Podes realizar unha tarefa de forma sinxela ou facelo ao modo dos cómics que debuxaba Rube Goldberg a principios do século pasado. Dende entón, o termo máquina de Ruber Goldberg é usado para referirse a un dispositivo que realiza unha tarefa simple dunha maneira moi complexa, xeralmente empregando efectos encadeados e incorporando un mínimo de 10 pasos.

Boa fin de semana!

Un filtro para o ordenador

Hai uns meses recomendaba a utilización de filtros en dispositivos móbiles como smartphones e tablets. Hoxe deixo un filtro que podes instalar no teu ordenador para minimizar a exposición á luz azul se pensas utilizalo pola noite. Os teus ollos agradecerancho e os teus ritmos de sono, tamén.

Imaxe residual negativa

Probablemente xa viches este efecto en prensa. Se non é así, fai clic no título desta entrada para ver a imaxe máis grande e segue as instrucións:

  1. Mira fixamente o punto branco que ten a muller no nariz polo menos durante 15 s.
  2. A continuación mira a área branca que hai á dereita da imaxe.

Sorprendente, verdade?

Os teus fotorreceptores satúranse mentres estás ollando para a imaxe da muller e tardarán un tempo (apenas segundos) en voltar ao estado non estimulado. Por iso cando pousas a vista na área branca só resultan estimulados os fotorreceptores que non se saturaron e iso fai que vexas a imaxe inicial en negativo.

Podes probar tamén con este outro exemplo.

II Concurso da Ciencia en Galego

Este ano xogamos con mazás e unidades de medida galegas nunha actividade na que todo o instituto estivo representado. Grazas a todxs por participar e un agradecemento especial para Modesto pola foto do cartaz e a reportaxe que realizou do evento.

Os gañadores, as clases de 2ºC e 4ºA. Desfrutade da merendola!!!