Foguetes de auga

Esta fin de semana impartín un obradoiro sobre foguetes de auga no marco das XII Xornadas de Tecnoloxía de Galicia organizadas por APETEGA. Unha experiencia fantástica da que pronto subirei fotos e vídeos. Grazas a tod@s, paseino fenomenal!

lanzador

Reflexións sobre o MUNCYT

Hai poucas semanas que visitei o MUNCYT de Coruña por primeira vez acompañando a un grupo de alumnxs de 4º de ESO nunha actividade organizada conxuntamente polos departamentos de Ciencias Naturais, Física e Química e Tecnoloxía. Onte volvín de novo e nesta ocasión fíxeno coa familia.OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Visitar os lugares por segunda vez proporciona a oportunidade de prestar máis atención a aquelas cousas que pasaron desapercibidas na primeira visita e incluso permite dispor do tempo necesario entre unha e outra para reflexionar.

Gústame o edificio do MUNCYT. A sensación de amplitude e a separación entre os diferentes espazos fan do museo un lugar acolledor e desfogado. Desfrutei con moitas das pezas alí expostas: as lentes de Fresnel do faro, a máquina Enigma ou o precioso proxector do Cine París (cantos recordos) xa están gardados na miña caixa de tesouros en forma de fotos.

Con todo, nesta segunda vez fun máis consciente de todo o que falta. Parece inexplicable que non existan pequenas exposicións adicadas, por exemplo, á evolución da telefonía ou dos soportes de almacenaxe da información. Pequenas liñas temporais que permitan a aqueles que non foron usuarios, saber que houbo un tempo no que os teléfonos non se levaban no bolso ou no que as aplicacións podían instalarse introducindo, un tras outro, dez disquetes de 3 1/2.

A evolución de obxectos tecnolóxicos relacionados con actividades básicas como a agricultura ou a pesca tampouco está recollida (salvo a excepción da completa colección de martelos) e poderían ser temas interesantes para encher todo o espazo que aínda está dispoñible nas paredes e nas salas do MUNCYT.

Como curiosidade non quedo coa visita ao interior do 747 senón coas máquinas de escribir das que meus fillos quedaron prendados. Os tres saíron do museo cun papel escrito por eles que pertence xa a súa caixa de tesouros.

Visita moi recomendable.

O mundo á noite: pon o teu punto no mapa

Un ano máis está en marcha Globe at Night, un proxecto colaborativo sobre contaminación lumínica a nivel mundial. Participar é moi sinxelo. Observa a constelación de Orión a simple vista e compara as túas observacións cos mapas estelares que atoparás nesta páxina.

globe_at_night

Esta primeira fase estará aberta ate o 12 de Xaneiro (avisarei das seguintes). Pon o teu punto no mapa!!!

mapa