Os vagalumes e a contaminación lumínica

Como cada verán veño cos meus fillos ao mesmo cámping ao que viña de nena cos meus pais (xa hai uns trinta anos diso). Lembro que cada noite nos xuntabamos toda a rapazada do mesmo tempo (anos arriba-abaixo) e xogabamos ás  agachadas por todo o cámping. Era moi habitual compartir escondite con todo tipo de bichos e os vagalumes eran dos máis celebrados.

Hai moitos anos que deixei de velos e onte un bo amigo comentaba que a contaminación lumínica é en parte responsable da súa desaparición en moitos lugares. Parece ser que a iluminación artificial non deixa que se atopen na escuridade da noite e se reproduzan. Que pena, verdade?

vagalume

Carga o teu móbil sen cargador

A inexcusable falta de compatibilidade entre diferentes marcas de teléfonos móbiles, fai que cada vez que cambiamos de aparato sexa preciso renovar tamén o cargador. Esta situación pode cambiar con propostas tan interesantes coma o Duracell MyGrid, capaz de cargar ate catro dispositivos ao mesmo tempo sen necesidade de conexión cableada e válido para todo tipo de móbiles e gadgets en xeral. Haberá que probalo!

Duracell MyGrid

Aproveito para lembrarvos que o material de refugallo é sempre benvido no taller 1 de Pastoriza, onde temos unha boa colección de cargadores de móbiles doados polos alumnos, que re-utilizamos como fontes de tensión.

Visto en Ya está el listo que todo lo sabe

3º ESO: Vibrobot

Nesta semana construiremos vibrobots no taller. Podedes ir botándolle un ollo a este vídeo que xa vimos en clase antes das vacacións. O cuestionario deste miniproxecto pode descargarse na sección 3ª AVALIACIÓN.

1, 2, 3, 4, 5…

coche

Que vos parece o despezamento do Hyundai Genesis 2010? O envío é de Suso, colaborador deste blog e para ver acceder á ligazón onde se publica esta foto e un post moi interesante, soamente tedes que facer clic nela.

Para ir abrindo boca

Como xa comentei, ao longo dos próximos días farei un post coas fotos da IV Exposición-Concurso que celebramos o luns 22 de Xuño no IES de Pastoriza. Mentres, déixovos cun vídeo que colgou o noso compañeiro de Santiago Jorge Gómez acerca da mostra de proxectos realizada o día 12 de Xuño no Toural. Así poderedes ver o ben que traballan tamén outr@s chic@s de toda Galiza

As 24 horas de Le Mans para vehículos ecolóxicos

Carreiras para coches ecolóxicos!!! Non deixedes de ler este sorprendente post escrito por Suso Pensado, profesor do departamento de Francés do IES de Pastoriza.

O deporte comeza a estar menos reñido coa sensibilidade ecolóxica e a busca de alternativas ós carburantes fósiles. A proba máis palpable ten lugar no mítico circuito de Le Mans onde se disputa a carreira de resistencia máis importante do mundo. E é que este circuito non ten parada en todo o ano, pois, ademais das 24 horas de coches, celébranse tamén as 24 horas de camións, de motos, de bicicletas e mesmo de patíns. E asegúrovos que non van precisamente de paseo!

Volvendo ao que nos interesa neste momento, en xullo deste ano terá lugar a primeira carreira de coches ecolóxicos, construídos a pequena ou gran escala, pero dispostos á venta no mercado. É dicir, non se trata de prototipos, senón de vehículos preparados para circular polas estradas. Xa se sabe que a carreira se disputará en varias categorías, con coches eléctricos, híbridos, de hidróxeno, de gas natural e de biocarburantes. O obxectivo, polo de agora, non é tanto a velocidade, como demostrar que as tecnoloxías limpas, como a do Venturi Astrolab solar que presentamos na foto, son viables hoxe en día.

venturi astrolabVenturi Astrolab, vehículo solar que participará nas 24 horas de Le Mans para coches ecolóxicos.


E dicimos polo de agora, porque algo se está movendo na carreira francesa de resistencia. Se hai uns anos os vehículos diesel revolucionaron a resistencia ó copar as primeiras prazas cos Audi TDI, Peugeot aposta máis forte aínda presentando o seu 908 híbrido diesel para correr na carreira absoluta das 24 horas de Le Mans 2009. O prototipo xa está a punto, pero mantense o suspense sobre a súa presentación oficial. Anunciárase a súa participación para os 1000 quilómetros de Shanghai no pasado mes de novembro, pero a suspensión desta carreira obrigou ós aficionados a armarse de paciencia para demostrar
dunha vez por todas que o gusto polos automóbiles rima perfectamente co respecto polo medio ambiente e o consumo racional de enerxía.

peugeot 908 hibridoO Peugeot 908 Híbrido competirá con moita probabilidade nas 24 horas de Le Mans, 2009.