O Congo na mochila

Reabro a sección de colaboracións do blog con esta interesantísima entrada escrita por Nacho Menéndez, profesor do departamento de Ciencias Sociais do IES de Pastoriza.

Xoguemos ao Trivial.
– Pregunta: Onde está a República Democrática do Congo?
– Resposta: en África central.
– Pregunta: Enumera polo menos tres instrumentos electrónicos co cualificativo de “tic”.
– Resposta: Teléfono Móbil, GPS e ordenador con sistema wifi.
– Pregunta: Que ten que ver a República Democrática do Congo cos “aparatos” anteriormente mencionados?
– Resposta: O coltán.
– Que é o coltán?
– Resposta: É unha contracción de dous minerais, a columbita e a tantalita. O coltán é fundamental para o desenvolvemento da telefonía móbil, a fabricación de ordenadores, a PlayStation, os mísiles chamados intelixentes, incluso para os implantes de órganos.
Os milagres do coltán débense ás súas particularidades. É capaz de soportar temperaturas moi elevadas. Almacena carga eléctrica temporal e libéraa cando é necesario. É altamente resistente á corrosión.
– Pregunta: Onde se atopan os maiores xacementos do mundo de coltán?
– Resposta: O 80% das reservas están na rexión de Kivu e Itari, ao leste da República Democrática do Congo (ver mapa).

mapaEsta é unha das zonas máis violentas do mundo. A loita de cinco grupos armados apoiados por países veciños como Ruanda, Uganda e Burundi polo control do coltán, provocaron o desprazamento dunhas 250.000 persoas o pasado mes de outubro. En total hai polo menos -segundo Amnistía Internacional- 1,2 millóns de persoas desprazadas en Kivu Norte. É incalculable o número de mulleres e nenas que teñen sufrido violencia sexual.

Algunhas cifras máis que nos axuden a situar a catástrofe humanitaria que vive O Congo:

  • Cinco millóns de persoas mortas dende 1998.
  • 30.000 nenos e nenas recrutados polas diferentes forzas armadas ao longo destes dez anos. Estímase que aínda hai entre 3.000 e 7.000 menores soldados e esta cifra podería estar aumentando (datos de Amnistía Internacional).

– Última pregunta: Mira o teu móbil, ou o teu ordenador, ou o teu videoxogo… que pensas?

Aplicación da semana: Print What You Like

print what you like

Cantas veces atopamos unha páxina que desexamos imprimir pero que contén moitos elementos que non son do noso interese? Con PrintWhatYouLike poderemos editar a páxina e facer as modificacións que consideremos oportunas: eliminar elementos ou grupos de elementos, modificar o tipo e o tamaño de letra, eliminar todas as imaxes cun clic,… Soamente teremos que introducir a URL da páxina e poñernos mans á obra coa edición.

Esta aplicación tan útil vén recomendada desde eco.microsiervos e nos ofrece unha boísima oportunidade de utilizar recursos como a tinta e o papel de maneira responsable 🙂

Comezamos!!!

caderno feito con circuitos impresos

Mañán comezaremos as clases de Tecnoloxía do curso 2008-09 e quero facelo dándovos a benvida a tod@s pero en especial aos alumn@s de 2ºA, 2ºB, 4ºB e 4ºD de Informática, pois compartiremos moitas horas de aquí a Xuño 🙂

E contaminación lumínica no mundo

contaminacion luminica no mundo

Seguro que logo de ver o mapa da contaminación lumínica na península non erades capaces de comezar as vacacións de Semana Santa sen saber como é a distribución no mundo, verdade? 🙂
Pois dádelle as gracias ao responsable de Astronomía na Beirarrúa que hoxe me deixou esta impresionante imaxe no meu buzón (facede clic na imaxe para vela máis grande). Trátase dunha foto real, composta a partir de moitas tomas individuais, que nos indica onde é máis difícil ver estrelas. Vedes algunha relación co nivel de desenvolvemento dos países?

Boas vacacións para todos vós!!!

Contaminación lumínica na península

contaminacion luminica na peninsula

Non é a primeira vez que falamos da contaminación lumínica neste blog e hoxe amosamos o mapa da contaminación lumínica na península ibérica que nos chega vía ecomicrosiervos. A pesar de estar elaborado en base a cálculos e non a observación directa, dá unha boa idea de cal é a realidade.

Sabede que nas zonas máis contaminadas, aquelas que no mapa aparecen en branco e vermello, só poderiamos distinguir un máximo de 150 estrelas nunha noite despexada, mentres que nas zonas menos contaminadas (azul escuro e negro no mapa) poderiamos superar as 3000 estrelas.

Deberiamos ser capaces de atopar o equilibrio entre unha iluminación urbana aceptable e un nivel de contaminación lumínica baixo. Que ideas se vos ocurren? Pensades que os farois que iluminan as rúas están ben deseñados?

Día Mundial da Eficiencia Enerxética

bombilla desenchufandose

Sabiades que o día 5 de Marzo é o Día Mundial da Eficiencia Enerxética? Acabo de lelo en ecomicrosiervos e tamén que se levarán a cabo iniciativas tan interesantes como o troco de lámpadas de incandescencia por lámpadas de baixo consumo (sabedes que porcentaxe do gasto eléctrico nun fogar é debido á iluminación?).

Temos que ser capaces de manter a nosa calidade de vida cun menor custo enerxético e iso pasa por un mellor aproveitamento dos recursos. O obxectivo: reducir a contaminación, prolongar a vida dos recursos e poñer o noso gran de area para frear o cambio climático.

Como exercicio, propóñovos que cada un de nós revise os seus hábitos e adique cinco minutos a pensar como pode consumir menos enerxía.

Telefonía ecolóxica

bateria de mobil con placa solar

Cada vez que cambiamos de teléfono móbil adoitamos desfacernos do vello e de todos os seus compoñentes e accesorios. Con esta práctica tan habitual, estamos xerando residuos que ademais no caso das baterías, son altamente contaminantes.

En países como Xapón xa toman medidas como por exemplo que os cargadores de móbil sexan universais, é dicir, que sexan válidos para todos os modelos de móbiles e desta forma ao cambiar de teléfono non é necesario cambiar o cargador.

Entereime hai uns días vía No puedo creer que lo hayan inventado dun novo accesorio que se comercializa nese país. Trátase dunha placa solar que por exemplo podes pendurar do teu móbil, de maneira que se vai cargando ao longo do día proporcionando 35 minutos de batería logo de 6 horas de carga.

Xa sabemos que 35 minutos dan para moi pouco e que a carga da placa é lenta, sen embargo é un bo comezo na percura de alternativas e unha solución de emerxencia estupenda para cando quedamos sen batería no momento menos oportuno.

Tecnoloxía + reciclaxe

mobil nokia fetio con material de refugallo

O teléfono da imaxe acaba de ser presentado na Mobile World Congress e a súa importancia radica en que está construído maiormente con materiais de refugallo: a carcasa de aluminio procede de latas de refresco, as teclas están fabricadas con pneumáticos de coche e moitos dos elementos de plástico que presenta proveñen de botellas.

Aínda non se comercializa, pero ademais de ser unha interesante declaración de intencións é unha proba de que é posible lanzar un producto competitivo e respectuoso co medio ambiente. Podedes presumir de que nós levamos anos facendo isto no taller de Tecno 🙂

Vía ecomicrosiervos

Contaminación lumínica

foto da contaminacion luminica en Tenerife

A contaminación lumínica é sempre a grande esquecida cando se fala de impacto medioambiental, sen reparar no despilfarro enerxético que supón ou en como reduce de forma considerable a visibilidade do ceo nocturno.

Na defensa da calidade do ceo nocturno como dereito científico, cultural e medioambiental da Humanidade existen iniciativas a nivel internacional como Star Light.

Sabedes que é posible determinar o nivel de contaminación lumínica da vosa cidade simplemente contando estrelas? Visitade a páxina de Great World Wide Star Count e participade na convocatoria que se celebrará no Outono do presente ano.

A imaxe é unha fotografía tomada en Tenerife que nos presenta o blog sobre ecoloxía e medioambiente

logo de ecomicrosiervos