Tipos de estruturas

Antes de termos o exame de estruturas, o alumnado realizou varias actividades dentro de Classroom. Unha delas tiña como obxectivo coñecer os diferentes tipos de estruturas artificiais. Para iso, proporcionei ao alumnado unha característica identificadora de cada tipo de estrutura, e pedín que buscaran imaxes de cada unha delas para elaborar pósters.

A tarefa foi realizada sobre documentos de Drive e entregada para a súa corrección e calificación a través de Classroom. Desta maneira puiden corrixir cada un dos traballos de forma individual, resolver dúbidas e indicar as correccións necesarias en cada caso.

Ensaios de resistencia, estabilidade e rixidez

A semana pasada realizamos ensaios de resistencia, estabilidade e rixidez empregando as estruturas construídas durante as prácticas con ferramentas.

É moi interesante analizar como se comportan os diferentes elementos estruturais e comprobar que unha estrutura realizada exclusivamente con cartón pode soportar a carga de varias persoas.

Construír pontes

A semana pasada comezamos a unidade de estruturas en 2º da ESO!!!

Inicio cada sesión introducindo contidos para a continuación presentar as actividades que deben resolver en Classroom. Isto permíteme coñecer diariamente se o meu alumnado entendeu os conceptos explicados en clase.

Ao termo de cada sesión, é hora de xogos. A recomendación para as próximas semanas é Cargo Bridge, un xogo de construción de pontes no que o deseño das estruturas e a elección dos materiais son clave para acceder ao seguinte nivel.

Proxecto de 2º: establecemento con toldo

Cando defino o proxecto da primeira avaliación de 2º da ESO teño en conta que o alumnado non realizou ningún proxecto antes, e por iso opto por propostas bastante pechadas nas que se traballa sobre un deseño dado, e cada grupo pode tomar decisións sobre algúns elementos.

Partimos do suposto de que os comerciantes locais encargan ao alumnado de 2º da ESO o estudo da instalación de toldos nos diferentes establecementos. Cada grupo deberá seguir os pasos necesarios para deseñar unha solución e construíla. Para iso contan cunha documentación moi completa que incorpora unha imaxe do prototipo cos nomes das pezas, un plano, un exercicio para practicar escalas, a folla de proceso para a construción, e a rúbrica que empregarei para avaliar o seu traballo.

Na imaxe pode verse un prototipo realizado con cartón.

Ao final da avaliación, o alumnado terá aprendido a:

  • Estruturar un proxecto nas súas fases: observar, deseñar, construír e avaliar.
  • Interpretar unha representación por vistas.
  • Manexar escalas.
  • Deseñar diferentes elementos dun proxecto.
  • Planificar a construción a través dunha folla de proceso.
  • Consultar unha rúbrica.
  • Traballar en grupo facendo propostas e tomando decisións.

Na segunda avaliación será quen de realizar integramente o seu propio deseño a partir dun problema que precisa solución, e unha serie de requisitos.