Antares

Aproveita as noites de verán para observar o ceo! Podes utilizar Stellarium para preparar a túa observación durante o día e posteriormente localizar os obxectos.

Na imaxe vemos Saturno e Escorpio. No corazón do escorpión destaca Antares, o rival de Marte (Ares). Esta superxigante vermella atópase a uns 550 anos luz, o que significa que a luz que nos chega dela comezou a súa viaxe aproximadamente a mediados do século XV.

Sketchpad

O curso pasado o meu centro tomou a decisión de comezar a traballar con chromebooks. Son equipos lixeiros en todos os sentidos, con autonomía suficiente para toda a xornada escolar e un prezo que ronda os 200 €. Fixémolo no marco de Google Education, contorno que empregamos dende o curso 2015-16.

A escolla dos chromebooks fai necesario o uso de aplicacións online, dentro ou fóra da chrome store. Precisamente na procura de aplicacións para debuxar, atopei Sketchpad.

Engade as túas imaxes soltándoas sobre a área de debuxo ou usa as da aplicación. Modifica todas as súas propiedades e fai trazados con todo tipo de pinceis. Usa os selos de Sketchpad ou crea os teus. E o mellor de todo, usa capas para organizar todos os elementos!

Timelapse con VirtualDub

Un timelapse é unha secuencia de vídeo que se reproduce a unha velocidade superior á que foi rexistrada, a fin de poder condensar nun pequeno espazo de tempo acontecementos que tiveron unha duración maior. Pode realizarse simplemente acelerando o vídeo gravado ou ben a partir dunha montaxe de fotografías tomadas a pequenos intervalos.

O seguinte exemplo está realizado con VirtualDub a partir de 300 imaxes tomadas ao longo de unha hora e media.

Imaxe residual negativa

Probablemente xa viches este efecto en prensa. Se non é así, fai clic no título desta entrada para ver a imaxe máis grande e segue as instrucións:

  1. Mira fixamente o punto branco que ten a muller no nariz polo menos durante 15 s.
  2. A continuación mira a área branca que hai á dereita da imaxe.

Sorprendente, verdade?

Os teus fotorreceptores satúranse mentres estás ollando para a imaxe da muller e tardarán un tempo (apenas segundos) en voltar ao estado non estimulado. Por iso cando pousas a vista na área branca só resultan estimulados os fotorreceptores que non se saturaron e iso fai que vexas a imaxe inicial en negativo.

Podes probar tamén con este outro exemplo.

Gif animado dun vídeo

 Queres facer un gif animado a partir dun vídeo de YouTube?

Escribe gif entre “www.” e “youtube” na URL do vídeo e dálle a ir (ou pulsa enter). Serás redirixido ao editor da web gifyoutube. Escolle o instante do vídeo no que queres comezar o gif e establece a duración (ate 10 s). Fai clic en Create gif e listo!

A imaxe destacada que podes ver neste post está realizada en gifyoutube. Por certo, pertence a un vídeo da canle de Museum of Obsolete Objects, onde podes atopar vídeos acerca do funcionamento de obxectos que xa non usamos.

Convierte cualquier vídeo de YouTube en un GIF animado añadiendo “gif” a la URL.

Papel solar

O pasado curso desfrutamos de numerosas mostras dos traballos realizados polo alumnado en clase de Plástica. Chamoume moito a atención a exposición de raiogramas realizada durante o primeiro trimestre. Diferentes obxectos situados sobre un medio fotosensible bloquean o paso á luz e permiten obter composións preciosas despois dun revelado.

raiograma

Un día, mentres revisaba a tenda Grand Illusions por n-ésima vez, atopei un papel fotosensible que pode revelarse empregando soamente auga do grifo. Así de simple! Déixovos a primeira proba que fixen con este papel solar.

IMG_20140807_182835

O arco da vella secundario

Sabes como se produce un arco da vella? A luz incide nas gotas de auga que se atopan na atmósfera e se reflicte dentro delas dando lugar ao arco da vella primario. Sucesivas reflexións darían lugar a novos arcos da vella pero sucede que en cada reflexión a luz perde intensidade e por iso non chegamos a velos.

En ocasións pode apreciarse o que chamamos arco da vella secundario. Se observas con atención, verás que as cores están dispostas en orde inversa, sendo a cor vermella a máis interior e a violeta a máis exterior. Tamén podes observar que entre o primario e o secundario aparece unha zona visiblemente máis escura que o resto do ceo. Denomínase banda de Alexandre.

Lémbrao a próxima vez que teñas a sorte de contemplar este fenómeno!

E tivemos observación!

A Lúa, a Osa Maior con Mizar e Alcor, Saturno, moitas fotos e un chocolate ben quente para rematar (grazas, María!). Unha xornada preciosa que nos deixou a todxs con ganas de repetir.

Grazas por participar e a Salva Bará (AnB) por facelo posible. Vémonos na seguinte!

DSC_1159

Foto de Loli Blanco