Xaponeses en Brasil e unha galega en Xapón

landmark towerNo ano 1999 o traballo levoume a Xapón algo máis dunha semana e ademais en moi boa compañía, pois fun cunha amiga que vivira alí dous anos á que creo que nunca lle agradecín bastante todo o que me moveu por Tokio, ensinándome eses sitios que soamente coñeces cando pasas algún tempo nalgún lugar así.

Desde a miña curta experiencia, podo dicir que os xaponeses son os perfectos anfitrións (algo impresionante) feito que choca coa falta de contacto físico que existe co visitante. Eu xa estaba avisada pola miña amiga Eva de que non debía estender a man durante unha presentación salvo que a outra persoa o fixera primeiro e que en ningún caso debía dar os tradicionais dous bicos que damos por aquí cando nos presentan a alguén. As presentacións ían acompañadas entón dalgunha reverencia e nalgunha ocasión, dun tímido apretón de mans.

Tiven ademais a oportunidade de coñecer a algúns dos seus amigos e quedei moi sorprendida cun chamado Rogerio. Rogerio era máis ou menos da miña idade e debía o seu nome aos seus avós, que residían en Brasil. Eu naquel momento descoñecía a existencia dunha numerosa poboación nipona en Brasil, debida a unha migración masiva sucedida nos comezos do século XX como resultado dun acordo entre ambos países (Xapón tiña un exceso de poboación e Brasil unha necesidade de man de obra). Rogerio visitaba con frecuencia aos seus avós e falaba moi ben portugués, polo que puidemos comunicarnos facilmente en portugués e galego botando man de vez en cando dalgunha palabra en inglés. Fíxome moita gracia a forma na que se sorría cando observaba algún comportamento "moi xaponés" e como movía a cabeza de lado a lado mentres o facía, pois os seus rasgos dicían unha cousa e os seus xestos outra. Era como ver a Obélix dicindo aquilo de "están tolos estes romanos" pero coa indumentaria de lexionario.

Podería contar mil anécdotas como que o hotel no que estiven aloxada non tiña planta número 4 porque é un número que trae mala sorte, ou que os xogos de louza van por deceas e non por ducias, que tiven a oportunidade de cear nun restaurante (onde todo estaba riquísimo) no que se pagaba por tempo e non polo que comías, que o metro de Tokio estaba sempre impecable a pesar de recibir diariamente a máis de 20 millóns de persoas,… pero permitide que remate esta entrada falando do Landmark Tower, situado en Yokohama. Este impresionante edificio contaba (e conta) con 70 pisos e un dos ascensores máis rápidos do mundo, capaz de alcanzar unha velocidade de 45 km/h. A vista que se desfruta desde a súa parte máis alta non se pode describir con palabras e eu tiven a grandísima sorte de que me tocara subir de noite.

A imaxe que acompaña este post é a entrada que me regalou Eva para subirmos xuntas un pouquiño máis perto do ceo. Moitas grazas por TODO, Eva!

Astronomía de baixo custo

Aproveitade as fermosísimas noites de verán con ceos cheos de estrelas para practicar a astrofotografía. Non é necesario ter un telescopio, chega cuns prismáticos, un trípode, unha cámara de fotos dixital e algo de paciencia.

Na imaxe podedes ver unha foto que saquei  posicionando manualmente a cámara dun teléfono móbil no ocular duns prismáticos montados nun trípode.

lua

E se queredes saber como se fabrican uns prismáticos, botádelle un ollo ao vídeo que vén a continuación.

Primeiras fotos dos proxectos de 3º

Primeiras fotos dos proxectos nos que están traballando os alumnos de 3º. Serán capaces de cronometrar 10 s cun erro de ± 1 s? Ademais, ao finalizar o tempo debe acenderse unha lámpada.

Os deseños son do máis variado. Xa vos contarei dos resultados…

temporizador
3ºA grupo laranxa
temporizador
3ºA grupo azul
temporizador
3ºA grupo rosa
temporizador
3ºA grupo amarelo