Plataforma con whegs

En 3º da ESO só temos dúas horas semanais de Tecnoloxía, e iso implica que os proxectos que o alumnado realiza en cada avaliación deben ser máis simples que os de 2º da ESO, polo menos dende o punto de vista construtivo.

Nesta primeira avaliación, adicamos 10 das 24 horas de 3º da ESO á realización de prácticas e un proxecto. A maioría dos grupos optou por deseños que non se desenvolveran en anos anteriores, e un dos grupos decidiu facer unha versión mellorada do vehículo todoterreo do curso pasado. 

Nesta ocasión, as whegs están realizadas coa impresora 3D que recibimos recentemente. Se estás interesad@ en descargar o deseño, podes facer clic aquí.

Impresora Legio

O meu centro foi dos que non recibiu a segunda fase da dotación STEM que enviou a Xunta o curso pasado. E cando xa estabamos a mirar alternativas para adquirir unha impresora 3D, chegou unha entrega de material que inclúe kits de arduino, dúas raspi… e unha Legio!!!

A impresora xa está operativa e este post resume os pasos necesarios para poñela en funcionamento.

Comeza por desembalar a impresora e segue as instrucións deste videotitorial para rematar a súa montaxe.

A continuación terás que seguir as indicacións do fabricante para instalar os drivers, o software de laminación e os perfís de impresión.Chegamos agora ao momento no que realizaremos un test de nivelación para que o fío de material fundido se deposite de forma axeitada sobre o vidro da plataforma. Podes descargar o test de nivelación aquí.

No meu caso, o test de nivelación parecía realizado por unha araña cafeínica, pois obtiña figuras como esta

Realicei movementos individuais dos tres eixes e atopei que o único que non respondía como se esperaba era o X, así que revisei o conector correspondente e como se pode ver na imaxe, un dos pines estaba dobrado.

Endereiteino, conectei de novo e esta vez todo funcionou correctamente.

E agora que? Podes atopar moitos obxectos no repositorio Thingiverse ou realizar os teus propios deseños con diferentes programas como Tinkercad.

Aproveito tamén para facer unha recompilación de diferentes páxinas que poden ser de interese: