Proxecto de 2º ESO: Estantería de Ikea

É importante recordar que o proxecto da primeira avaliación de 2º da ESO é o primeiro que realiza o alumnado, e por iso é preferible que se trate dunha proposta bastante pechada na que se traballa sobre un deseño dado.

Partimos do suposto de que a empresa Ikea desexa ampliar o seu departamento de deseño, e vai realizar a contratación en base a un proceso selectivo. A primeira proba deste proceso será a realización dunha proposta para o frontal dunha estantería.

Cada grupo debe deseñar un frontal que pode conter diferentes elementos como portas ou caixóns, planificar o traballo de construción, e finalmente realizar o prototipo a escala. Para todo iso, o alumnado conta cunha documentación moi completa que incorpora a imaxe dun prototipo realizado en cartón e que contén os nomes das diferentes pezas, un plano, un exercicio para practicar escalas, a folla de proceso para a construción, e a rúbrica que empregarei para avaliar o seu traballo.

Ao final da avaliación, o alumnado terá aprendido a:

  • Estruturar un proxecto nas súas fases: observar, deseñar, construír e avaliar.
  • Interpretar unha representación por vistas.
  • Manexar escalas.
  • Deseñar diferentes elementos dun proxecto.
  • Planificar a construción a través dunha folla de proceso.
  • Consultar unha rúbrica.
  • Traballar en grupo facendo propostas e tomando decisións.
  • Utilizar documentos de drive compartidos.

Tipos de estruturas

Antes de termos o exame de estruturas, o alumnado realizou varias actividades dentro de Classroom. Unha delas tiña como obxectivo coñecer os diferentes tipos de estruturas artificiais. Para iso, proporcionei ao alumnado unha característica identificadora de cada tipo de estrutura, e pedín que buscaran imaxes de cada unha delas para elaborar pósters.

A tarefa foi realizada sobre documentos de Drive e entregada para a súa corrección e calificación a través de Classroom. Desta maneira puiden corrixir cada un dos traballos de forma individual, resolver dúbidas e indicar as correccións necesarias en cada caso.

Impresora Legio

O meu centro foi dos que non recibiu a segunda fase da dotación STEM que enviou a Xunta o curso pasado. E cando xa estabamos a mirar alternativas para adquirir unha impresora 3D, chegou unha entrega de material que inclúe kits de arduino, dúas raspi… e unha Legio!!!

A impresora xa está operativa e este post resume os pasos necesarios para poñela en funcionamento.

Comeza por desembalar a impresora e segue as instrucións deste videotitorial para rematar a súa montaxe.

A continuación terás que seguir as indicacións do fabricante para instalar os drivers, o software de laminación e os perfís de impresión.Chegamos agora ao momento no que realizaremos un test de nivelación para que o fío de material fundido se deposite de forma axeitada sobre o vidro da plataforma. Podes descargar o test de nivelación aquí.

No meu caso, o test de nivelación parecía realizado por unha araña cafeínica, pois obtiña figuras como esta

Realicei movementos individuais dos tres eixes e atopei que o único que non respondía como se esperaba era o X, así que revisei o conector correspondente e como se pode ver na imaxe, un dos pines estaba dobrado.

Endereiteino, conectei de novo e esta vez todo funcionou correctamente.

E agora que? Podes atopar moitos obxectos no repositorio Thingiverse ou realizar os teus propios deseños con diferentes programas como Tinkercad.

Aproveito tamén para facer unha recompilación de diferentes páxinas que poden ser de interese:

Ensaios de resistencia, estabilidade e rixidez

A semana pasada realizamos ensaios de resistencia, estabilidade e rixidez empregando as estruturas construídas durante as prácticas con ferramentas.

É moi interesante analizar como se comportan os diferentes elementos estruturais e comprobar que unha estrutura realizada exclusivamente con cartón pode soportar a carga de varias persoas.

Construír pontes

A semana pasada comezamos a unidade de estruturas en 2º da ESO!!!

Inicio cada sesión introducindo contidos para a continuación presentar as actividades que deben resolver en Classroom. Isto permíteme coñecer diariamente se o meu alumnado entendeu os conceptos explicados en clase.

Ao termo de cada sesión, é hora de xogos. A recomendación para as próximas semanas é Cargo Bridge, un xogo de construción de pontes no que o deseño das estruturas e a elección dos materiais son clave para acceder ao seguinte nivel.

Prácticas con ferramentas 2017

Esta semana comezamos as prácticas con ferramentas en 2º da ESO. Coa proposta para este curso, o alumnado manexará as seguintes ferramentas: regra, escuadro, cinta métrica, lima, escofina, barrena, serra, segueta, coitela, pistola termoencoladora, sarxento, mordaza e alicates de corte.

Trátase de realizar unha primeira toma de contacto coas ferramentas de uso habitual, utilizándoas con papel, cartón e madeira. Ademais, obteremos diferentes estruturas que empregaremos para realizar ensaios de resistencia.

Serán necesarias entre catro e cinco sesións, e o alumnado poderá comprobar o importante que é a planificación e a organización do traballo no taller.

Prácticas para o manexo de ferramentas

O alumnado que comeza 2º da ESO cursará Tecnoloxía por primeira vez e terá que aprender estratexias que lle permitan resolver problemas, organizarse para o traballo en grupo ou adquirir destrezas na utilización de ferramentas, ademais de traballar con contidos totalmente novos.

É importante que o alumnado entre en contacto canto antes co aspecto máis práctico da materia e para iso, dende a segunda semana de clase, realizamos pequenas prácticas que permiten ir introducindo a identificación e o manexo de ferramentas.

Na táboa se recollen catro prácticas para ser realizadas de maneira individual ao longo de catro sesións de taller. Sempre deixo unha quinta sesión para o alumnado que faltou un día ou aquel que non organizou ben o seu tempo.

Coa realización destas prácticas conseguimos:

  1. Establecer un primeiro contacto coas ferramentas máis habituais: serrucho, segueta, lima plana, lima redonda, barrena, sarxento, pistola termoencoladora, regra, coitela, escuadro,…
  2. Destacar a importancia de organizar ben os recursos e o tempo.
  3. Coñecer as diferentes zonas do taller, que operacións realizamos en cada unha delas e onde atopar os diferentes materiais e ferramentas.
  4. Utilizar correctamente plantillas sobre madeira e cartón na vez de debuxar directamente sobre estas superficies.
  5. Mostrar que todo o traballo que desenvolvemos no taller está conectado, pois máis adiante utilizaremos as estruturas realizadas para levar a cabo ensaios de resistencia e estabilidade dentro da unidade de estruturas. Ademais, se unimos todos os hexágonos podemos construír unha estrutura en niño de abella capaz de soportar o peso de varias persoas.
    En canto aos listóns cortados en diferentes lonxitudes, o curso pasado usámolos para realizar un taller de árbores de Nadal durante a última clase do mes de decembro 🙂

Mecanismos con cartón

Nesta avaliación o alumnado de 2º da ESO terá que realizar o deseño dun proxecto que incorpore diferentes mecanismos de transmisión e/ou transformación do movemento. Estou revisando mateiriais para proporcionarlles algunhas ideas e atopei este autómata.