Novas melloras en Classroom

Por fin chega a Classroom a puntuación decimal na calificación de tarefas! E non o fai soa, senón que vén acompañada de dúas melloras máis: a posibilidade de amosar o código dunha clase para que todo o alumnado poida velo dende unha pantalla, e a moi esperada reorganización das clases no panel principal (até agora as clases quedaban ordenadas segundo foran creadas e non era posible realizar modificacións sen eliminar e crear de novo).

A plataforma evolucionou considerablemente dende a súa creación pero todavía ten pendente a introdución da gamificación por exemplo, coa incorporación de badges.

Lanterna de papel

A compañía xaponesa Nendo acaba de presentar un novo dispositivo de iluminación. Trátase dunha lanterna de papel na que é posible regular a intensidade de iluminación e a temperatura de cor, enrolando convenientemente unha folla que contén circuítos impresos en ambas caras.

O feito de enrolar o papel máis ou menos apertado, varía a lonxitude do camiño para cada LED, e con iso a resistencia. Así ao deixalo máis frouxo a lanterna iluminará con menos intensidade. Pola contra, se apertamos máis ao enrodelar, a iluminación terá maior intensidade.

A temperatura de cor depende de se os LED quedan cubertos ou non polo papel, proporcionando así dúas opcións, luz quente e luz fría.

Polo momento, só se comercializa en Xapón e o seu prezo está en torno aos 60 €.

Sketchpad

O curso pasado o meu centro tomou a decisión de comezar a traballar con chromebooks. Son equipos lixeiros en todos os sentidos, con autonomía suficiente para toda a xornada escolar e un prezo que ronda os 200 €. Fixémolo no marco de Google Education, contorno que empregamos dende o curso 2015-16.

A escolla dos chromebooks fai necesario o uso de aplicacións online, dentro ou fóra da chrome store. Precisamente na procura de aplicacións para debuxar, atopei Sketchpad.

Engade as túas imaxes soltándoas sobre a área de debuxo ou usa as da aplicación. Modifica todas as súas propiedades e fai trazados con todo tipo de pinceis. Usa os selos de Sketchpad ou crea os teus. E o mellor de todo, usa capas para organizar todos os elementos!

Sistemas de transmisión con engrenaxes

Non sempre é posible instalar aplicacións nos equipos para traballar contidos concretos, polo que está ben dispoñer de opcións online. Con Gears poderás experimentar con sistemas de transmisión de ate catro engrenaxes, coa posibilidade de modificar o número de dentes de cada roda e a velocidade. Ademais do modo de exploración, dispón de dúas seccións máis nas que o usuario debe responder preguntas acerca dos sistemas simulados en pantalla.

Día da Muller e a Nena na Ciencia

Fai unha proba. Busca imaxes co texto “xoguetes para nenos” (toys for boys) e “xoguetes para nenas “(toys for girls). Vehículos, ferramentas, xogos de construción, bonecos articulados, robots,… para eles, e casiñas, bonecas, cociñas, toucadores, carriños de bebé, kits de maquillaxe… para elas.

As profesoras que traballamos en Ciencia e Tecnoloxía temos unha dobre responsabilidade de cara ás nosas alumnas. Ademais de acompañalas na súa aprendizaxe, debemos facerlles chegar a mensaxe de que esas áreas que dende a primeira infancia semellan estar reservadas para os chicos, tamén nos pertencen a todas nós.

Deixo un vídeo (subtitulado) que me chegou a través doutra profe, a miña amiga Goretti:

Semáforos no chan

Todos deberiamos gardar o móbil no peto cando camiñamos polas rúas, e aproveitar os nosos desprazamentos para desconectarnos dos dispositivos e conectarnos coa xente e os lugares. A realidade é que nin sequera andando despegamos os ollos das pantallas, e iso afecta á nosa seguridade como peóns.

Dende Australia propoñen unha solución que consiste en instalar dispositivos que funcionan como semáforos no chan, proporcionando ás persoas información para cruzar as rúas de maneira segura.

Visto en wwwhat’s new.