Primeiras fotos dos proxectos de 3º

Xa temos as primeiras fotos do proxecto que estamos a realizar en 3º curso. En particular, foi o grupo laranxa de 3ºBC quen conseguiu ter unha primeira aproximación do que será o pinball final. Polo momento non hai nada montado pero remataron a maioría das pezas que integran o pinball base (están a traballar no deseño dos elementos voluntarios) e quixeron colocalas sobre a base de contraplacado para ver que tal encaixaban. Con todos vós, o resultado:

Agardo poder poñer fotos do proceso de construción doutros grupos nas próximas semanas.

E por fin as fotos da exposición!!!

O pasado día 22 de Xuño tivo lugar a IV Exposición-Concurso de Proxectos de Tecnoloxía que este curso contou con 18 proxectos seleccionados. Velaí as fotos dos proxectos participantes…

…e o resultado da votación na que participaron todos os alumnos do instituto:

  • Na categoría de 2º de ESO os gañadores foron Daniel, Samuel e Javier de 2ºA co seu detector de metais (proxecto número 6).
  • Na categoría de 3º de ESO os gañadores foron Carlos, Bruno e Tania de 3ºC co seu pegatortas (proxecto número 2).
  • Na categoría de 4º de ESO os gañadores foron Javier, Diego, Lorena, Celeste, Aitor e Jose de 4ºB co seu garaxe de apertura controlada por ordenador (proxecto número 4).

Moitas gracias a todos os colaboradores que fixeron posible a realización da exposición (mención especial para os alumnos de 2ºC), parabéns a todos os participantes e… BOAS VACACIÓNS!!!

4º ESO: Vídeos dos proxectos

Os alumn@s de 4ºB remataron os seus proxectos xusto a tempo para a exposición que realizaremos o luns día 22 de Xuño. Neste primeiro vídeo podedes ver a apertura e peche da porta dun garaxe controlada a través do porto paralelo dun ordenador con programación en MSWLogo. Houbo algún que outro problema co complicado circuíto que tiveron que implementar e tamén co axuste do sistema de transmisión, pero nada que Aitor, Celeste, Lorena, Javier, Diego e Jose non puideran solucionar.

Agora tócalle o turno ao autobús cabledirixido que deseñaron e construíron Raquel, Álvaro, Héctor, Adrián e Sandra (peza imprescindible deste equipo de traballo 🙂 A través do porto paralelo do ordenador controlan o seu funcionamento de maneira que o autobús pode xirar a ambos lados activando o intermitente que corresponda, avanzar, activar a luz de freo e acender as luces de posición. A pesar de empregar un cable bastante longo, á vista do vídeo parece que non é suficiente. Agora teremos que aprender a conducilo! Non vos perdades o seu interior, coidado ate o último detalle.

Estou moi contenta co traballo que fixestes. Parabéns a tod@s!!!

4º ESO: Primeiras fotos dos proxectos!!!!!!

Xa hai un par de semanas que comezamos cos proxectos en 4º B. Trátase de deseñar e construír dispositivos que podan ser controlados a través do porto paralelo dun ordenador.
  • O equipo formado por Adrián, Ismael, Sandra, Raquel, Héctor e Álvaro decidiu construír un autobús. O deseño incorpora dous motores, dous intermitentes, dúas luces de posición e dúas luces de freo. O programa realizado en MSWLogo permite activar e desactivar os motores de forma independente, de maneira que o autobús pode avanzar e xirar a esquerda e dereita, poñendo en funcionamento o intermitente que corresponda. Cando o autobús está parado, as luces de freo acéndense e en calquer momento podemos acender ou apagar as luces de posición. O equipo de conexión rematou onte o circuíto dos motores e fixeron con éxito a primeira proba de control dos dispositivos. Aquí tedes unhas fotos deste proxecto:
O equipo de construción pegando as diferentes pezas da estrutura do autobús.

O equipo de conexión realizando as soldaduras dos compoñentes do circuíto.

O equipo de programación realizando as primeiras probas de control dos dispositivos.

  • O equipo formado por Celeste, Lorena, Aitor, Javier, Diego e Jose decidiu construír un garaxe que funciona do seguinte xeito: unha porta de infravermellos activa a apertura da porta do garaxe á vez que acende a luz do interior. Logo de abrirse totalmente, a porta permanece nesta posición un tempo e inicia de forma automática o movemento para pecharse. Cando está totalmente pechada, a luz do interior apágase. A idea orixinal deste proxecto provén da interesantísima páxina tecnologiafacil.net, se ben fixeron algunha modificación sobre o deseño orixinal e realizaron o seu propio código para o control dos dispositivos. Polo momento están tendo algún problema (non teño ningunha dúbida de que será por pouco tempo) coa montaxe do circuíto, que incorpora un relé para a inversión de xiro do motor e outro actuando como interruptor xeral. Como a intensidade proporcionada polas saídas do porto paralelo non é suficiente para alimentar aos relés, cada un deles precisa dunha etapa de amplificación con transistor e isto está traendo de cabeza ao equipo de conexión 🙂 O equipo de programación xa rematou o código para o control da porta e da luz e axiña comezará co procedemento para ler o receptor de infravermellos. Velaí van unhas fotos deste complicado proxecto:
O equipo de conexión realizando as primeiras probas co circuíto montado sobre unha protoboard.

O equipo de construción pintando as diferentes pezas que formarán a estrutura do garaxe.

Todos estades realizando un traballo estupendo!!! Seguide así!!!!!

2º ESO: Fotos do proxecto

Aquí tedes as primeiras fotos do proxecto de 2º de ESO. Trátase dun detector de metais deseñado para localizar moedas nunha praia.
Cristina e Sara de 2ºA realizando as conexións do circuíto eléctrico.

Natalia de 2ºB limando unha peza da estrutura.

O proxecto de Ayoub, Alexia e Luis de 2ºA practicamente rematado.

O detector de Manuel, Juan, Diego e Christian de 2ºB tamén funciona xa.

Fotos da II Exposición-Concurso. E o gañador é…

Hoxe celebramos a II Exposición-Concurso de Proxectos de Tecnoloxía no IES de Pastoriza.

Antes de nada, e en nome de todos os profesores do departamento, gustaríame darvos as gracias a todos os alumnos pola vosa participación: gracias polo voso traballo, paciencia explicando os proxectos ao longo de 4 horas, esforzo para montar, atender e recoller a exposición (mención especial para Gonzalo, Borja, Adrián, Felipe, Rubén, Gabriela, Alejandro, Cristina, Iago, Raúl, Jorge,…) e interese por coñecer o traballo dos compañeiros.

E agora os gañadores da vosa votación:

  • Gañador de 1º Ciclo: Cartel luminoso 1 (Andrea, Tania, Paula, Leticia de 2º D)
  • Gañador de 2º Ciclo: Ponte controlada por ordenador (David, Rubén, Gabriela, Leticia, Borja, Raúl, Adrián de 4º A)

Noraboa a todos!!!

Fotos dos proxectos de 4ºA

Este curso, os alumnos de 4º A están desenvolvendo os seguintes proxectos:

  • Ponte levadiza accionada por motor
  • Faro no que o sistema de iluminación está constituído por un conxunto de LEDs
  • Xogo de mesa que funciona con dado electrónico

En todos os casos os dispositivos están controlados por ordenador a través de programas elaborados polos propios alumnos, que tamén realizaron o deseño e construcción de todos os elementos da maqueta e as conexións dos diferentes dispositivos.
Os proxectos aínda non están rematados pero paga a pena ver un adianto. Noraboa polo traballo!!!

Ponte levadiza accionada por motor

proceso de construcion da ponte levadiza01 proceso de construcion da ponte levadiza02
proceso de construcion da ponte levadiza03 proceso de construcion da ponte levadiza04

Faro con LEDs

proceso de construcion do faro01 proceso de construcion do faro02
proceso de construcion do faro03 proceso de construcion do faro04

Xogo de mesa con dado electrónico

proceso de construcion do xogo de mesa01 proceso de construcion do xogo de mesa02
proceso de construcion do xogo de mesa03 proceso de construcion do xogo de mesa04

Galería de proxectos

montando a carcasa do detector de xeo detector de xeo montado

deseñando o circuito

Fotos tomadas en 3º A durante unha sesión de taller. Están construíndo sensores de temperatura e de luz como proxecto de fin de curso. O deseño tanto da carcasa do dispositivo coma do circuíto é responsabilidade dos alumnos.

Nos próximos días colgarei fotos de todos os grupos como anticipo á exposición do día 21 de Xuño.