Proxecto de 2º ESO: Estantería de Ikea

É importante recordar que o proxecto da primeira avaliación de 2º da ESO é o primeiro que realiza o alumnado, e por iso é preferible que se trate dunha proposta bastante pechada na que se traballa sobre un deseño dado.

Partimos do suposto de que a empresa Ikea desexa ampliar o seu departamento de deseño, e vai realizar a contratación en base a un proceso selectivo. A primeira proba deste proceso será a realización dunha proposta para o frontal dunha estantería.

Cada grupo debe deseñar un frontal que pode conter diferentes elementos como portas ou caixóns, planificar o traballo de construción, e finalmente realizar o prototipo a escala. Para todo iso, o alumnado conta cunha documentación moi completa que incorpora a imaxe dun prototipo realizado en cartón e que contén os nomes das diferentes pezas, un plano, un exercicio para practicar escalas, a folla de proceso para a construción, e a rúbrica que empregarei para avaliar o seu traballo.

Ao final da avaliación, o alumnado terá aprendido a:

  • Estruturar un proxecto nas súas fases: observar, deseñar, construír e avaliar.
  • Interpretar unha representación por vistas.
  • Manexar escalas.
  • Deseñar diferentes elementos dun proxecto.
  • Planificar a construción a través dunha folla de proceso.
  • Consultar unha rúbrica.
  • Traballar en grupo facendo propostas e tomando decisións.
  • Utilizar documentos de drive compartidos.

Sistemas de transmisión con engrenaxes

Non sempre é posible instalar aplicacións nos equipos para traballar contidos concretos, polo que está ben dispoñer de opcións online. Con Gears poderás experimentar con sistemas de transmisión de ate catro engrenaxes, coa posibilidade de modificar o número de dentes de cada roda e a velocidade. Ademais do modo de exploración, dispón de dúas seccións máis nas que o usuario debe responder preguntas acerca dos sistemas simulados en pantalla.