É importante recordar que o proxecto da primeira avaliación de 2º da ESO é o primeiro que realiza o alumnado, e por iso é preferible que se trate dunha proposta bastante pechada na que se traballa sobre un deseño dado.
Partimos do suposto de que a empresa Ikea desexa ampliar o seu departamento de deseño, e vai realizar a contratación en base a un proceso selectivo. A primeira proba deste proceso será a realización dunha proposta para o frontal dunha estantería.
Cada grupo debe deseñar un frontal que pode conter diferentes elementos como portas ou caixóns, planificar o traballo de construción, e finalmente realizar o prototipo a escala. Para todo iso, o alumnado conta cunha documentación moi completa que incorpora a imaxe dun prototipo realizado en cartón e que contén os nomes das diferentes pezas, un plano, un exercicio para practicar escalas, a folla de proceso para a construción, e a rúbrica que empregarei para avaliar o seu traballo.
Ao final da avaliación, o alumnado terá aprendido a:
- Estruturar un proxecto nas súas fases: observar, deseñar, construír e avaliar.
- Interpretar unha representación por vistas.
- Manexar escalas.
- Deseñar diferentes elementos dun proxecto.
- Planificar a construción a través dunha folla de proceso.
- Consultar unha rúbrica.
- Traballar en grupo facendo propostas e tomando decisións.
- Utilizar documentos de drive compartidos.
- …