Tomando medidas XX: Odómetro

Un odómetro é un instrumento de medida que na súa versión máis simple, está formado por unha roda e un soporte. O seu funcionamento baséase na relación existente entre o radio e o perímetro dunha circunferencia, e permite determinar unha distancia sen máis que contar o número de voltas que dá a roda. Por suposto, existen modelos moito máis complexos nos que a conta se realiza de forma automática e cunha elevada precisión.

As aplicacións deste invento que adoita atribuírse a Arquímedes son diversas, por exemplo, nos velocímetros dos vehículos. Hoxe atopei unha versión portable en KickStarter que me parece un bo exemplo de deseño e funcionalidade:

Tomando medidas XIII: Legua

Unha legua é unha antiga medida de lonxitude que dá conta da distanza a pé que unha persoa é capaz de percorrer nunha hora. É moi habitual considerar unha equivalencia de 5 km, de maneira que o camiño andado nunha xornada estaría en torno aos 35 km. Isto reflíctese no feito de que esa é precisamente a distanza que separa moitas vilas importantes entre si. Ordes e Santiago, Santiago e Muros, ou Muros e Noia son só tres exemplos de tantos. Pero se tes unhas botas de sete leguas, poderás avanzar unha xornada de camiño con cada paso.


Photo credit: duboix from morguefile.com

Tomando medidas XII: culleradiña


Photo credit: inarizoo from morguefile.com

Resulta moi conveniente ter a man obxectos que nos proporcionen unha referencia en ausencia de instrumentos de medida. Así, a nosa cuarta ou a amplitude dun paso poden sacarnos dalgún apuro para realizar estimacións. Con todo, resúltame sorprendente que as doses dun xarope con vaso dosificador, veñan indicadas  no prospecto en culleradiñas. Por certo, unha culleradiña equivale aproximadamente a 5 ml 🙂

prospecto

Tomando medidas XI: Xogamos coas escalas

Se a Terra fora un balón de baloncesto e a Lúa unha pelota de tenis, que distancia debería separalas para manter a escala empregada nos diámetros?

Onte vin este vídeo en amazings e hoxe realizamos unha pequena práctica na clase de Ámbito Científico-Técnico (dentro das actividades relacionadas con astronomía que estamos desenvolvendo ao longo desta avaliación).

A partir da wikipedia, @s alumn@s buscaron os seguintes datos:

  • Diámetro da Terra
  • Diámetro da Lúa
  • Diámetro dun balón de baloncesto
  • Diámetro dunha pelota de tenis

Logo de comprobar que os diámetros balón de balocesto-pelota de tenis gardaban a mesma relación (aproximadamente) ca os diámetros Terra-Lúa e que polo tanto estaban ben escollidos, pedinlles que buscaran que distancia media separa o noso planeta do seu satélite.

Xa só quedaba calcular o factor de escala Terra-balón de baloncesto e empregalo para determinar a que distancia do balón de baloncesto teriamos que colocar a pelota de tenis. O (sorprendente) resultado, arredor de 7 metros.

Por certo, no vídeo observaredes que a persoa que camiña para situar a pelota de tenis na súa posición correcta, dá 10 pasos. Se os seus pasos foran amplos, tería dado arredor de 7 porque o paso amplo dunha persoa adulta de estatura media mide arredor de 1 metro.

Tomando medidas IX: Seis anos de blog

Este mes o blog está de aniversario. Nada menos que seis anos!

En Novembro de 2004 comecei co Blog de Tecnoloxía. Soamente era un exemplo co que traballar mentres lles explicaba aos meus alumnos de informática o que era un blog.

Foi unha boa idea non desfacerme del ao pasar ao tema seguinte (aínda que si borrei os primeiros posts) e aos poucos fun descubrindo novas posibilidades de uso e aplicación na aula.

No mes de  Xuño deste ano trasladeime a Blogaliza e nesta nova veciñanza mudei tamén o nome do blog para Ciencia + Tecnoloxía (clic aquí para coñecer os motivos 🙂 ).

O próximo obxectivo: conseguir que os alumnos colaboredes activamente no blog escribindo. Agárdovos!!!

Photo credit: earl53 from morguefile.com

Tomando medidas VIII: Unha cuartilla

Xa hai moito que a maioría de nós empregamos papel tamaño A4 no canto de folios, aínda que empreguemos a mesma palabra para referirnos a un e outro indistintamente. Da mesma forma que un A4 dividido á metade dá lugar a dous A5, cando facemos o mesmo cun folio obtemos dúas cuartillas. As dimensións da cuartilla son 15,75 cm × 21,75 cm, por se tedes curiosidade 🙂

A que vén falar hoxe de tamaños de papel? Onte estaba lendo un artigo en amazings no que se aseguraba que calquera descubrimento científico novo debería poder explicarse empregando só unha cuartilla. Non vos perdades o artigo completo e teredes a ocasión de ler a cuartilla de Einstein!

Tomando medidas V: Benji e Oliver

InazumaElevenAgora que o meu fillo maior é fan absoluto de Inazuma Eleven e non perde un capítulo, sempre me lembro de Campións. A pesar do que puidera parecer, estas series teñen moi pouco que ver co fútbol real.

E confirmando as miñas sospeitas, os de microsiervos sacaron unha entrada facendo unha estimación do que mediría o campo de fútbol que tantas veces percorreron Benji e Oliver. Nada menos que 18 km de lonxitude!!! Por iso estaban todo o tempo a suar…

Visto en microsiervos.