Plataforma con whegs

En 3º da ESO só temos dúas horas semanais de Tecnoloxía, e iso implica que os proxectos que o alumnado realiza en cada avaliación deben ser máis simples que os de 2º da ESO, polo menos dende o punto de vista construtivo.

Nesta primeira avaliación, adicamos 10 das 24 horas de 3º da ESO á realización de prácticas e un proxecto. A maioría dos grupos optou por deseños que non se desenvolveran en anos anteriores, e un dos grupos decidiu facer unha versión mellorada do vehículo todoterreo do curso pasado. 

Nesta ocasión, as whegs están realizadas coa impresora 3D que recibimos recentemente. Se estás interesad@ en descargar o deseño, podes facer clic aquí.

Luz

Cada punto da superficie dunha piscina está reflectindo a luz do sol cun ángulo diferente. Todos eses feixes de luz atravesan dúas ventás rectangulares, proxectando imaxes idénticas que se superpoñen desprazadas entre si. Esa superposición varía en cada instante.

O vídeo recolle a velocidade real do fenómeno.

Proxectos 2016-17

Deixo unha mostra dos proxectos realizados polo alumnado do IES de Pastoriza na 3ª avaliación.

En 2º de ESO debían deseñar e construír un prototipo que funcionara con electricidade.

Os proxectos de 3º de ESO debían empregar materiais de refugallo e a súa realización debía permitir o estudo dalgunha propiedade mecánica destes. Ademais, os prototipos construídos debían ser funcionais.

O alumnado de 4º de ESO tivo que deseñar e construír proxectos que incorporaran control de compoñentes cunha placa de arduino e/ou elementos hidráulicos.

Pong con Scratch

Estes días o alumnado de 2º da ESO debe crear un videoxogo usando Scratch, por iso recurpero esta entrada do ano pasado.

Seguro que coñeces o Pong, un xogo integrado nas primeiras videoconsolas dos anos 70. Sabes que podes empregar unha placa de arduino e o entorno de prgramación de mBlock para realizar a túa propia versión? Os xogadores da miña móvense utilizando potenciómetros, como no xogo clásico.

Podes tomar o meu como base e engadirlle extras como a opción de modificar a lonxitude dos xogadores ou a velocidade da bola.

Timelapse con VirtualDub

Un timelapse é unha secuencia de vídeo que se reproduce a unha velocidade superior á que foi rexistrada, a fin de poder condensar nun pequeno espazo de tempo acontecementos que tiveron unha duración maior. Pode realizarse simplemente acelerando o vídeo gravado ou ben a partir dunha montaxe de fotografías tomadas a pequenos intervalos.

O seguinte exemplo está realizado con VirtualDub a partir de 300 imaxes tomadas ao longo de unha hora e media.

Día da Muller e a Nena na Ciencia

Fai unha proba. Busca imaxes co texto “xoguetes para nenos” (toys for boys) e “xoguetes para nenas “(toys for girls). Vehículos, ferramentas, xogos de construción, bonecos articulados, robots,… para eles, e casiñas, bonecas, cociñas, toucadores, carriños de bebé, kits de maquillaxe… para elas.

As profesoras que traballamos en Ciencia e Tecnoloxía temos unha dobre responsabilidade de cara ás nosas alumnas. Ademais de acompañalas na súa aprendizaxe, debemos facerlles chegar a mensaxe de que esas áreas que dende a primeira infancia semellan estar reservadas para os chicos, tamén nos pertencen a todas nós.

Deixo un vídeo (subtitulado) que me chegou a través doutra profe, a miña amiga Goretti:

Mecanismos con cartón

Nesta avaliación o alumnado de 2º da ESO terá que realizar o deseño dun proxecto que incorpore diferentes mecanismos de transmisión e/ou transformación do movemento. Estou revisando mateiriais para proporcionarlles algunhas ideas e atopei este autómata.

Domótica con arduino

Podes utilizar unha placa de arduino para controlar dispositivos domésticos. O dispositivo conéctase a un relé e este acciónase dende a placa de arduino. Ollo coas tensións porque haberá partes do teu circuíto que funcionen a 220 V.

O vídeo é unha proba de concepto realizada cunha bombilla. Neste caso programei un pestanexo que sucede cada 2 s pero poderías cambiar a configuración para que se acendera como resposta á lectura dun sensor.

Semáforos no chan

Todos deberiamos gardar o móbil no peto cando camiñamos polas rúas, e aproveitar os nosos desprazamentos para desconectarnos dos dispositivos e conectarnos coa xente e os lugares. A realidade é que nin sequera andando despegamos os ollos das pantallas, e iso afecta á nosa seguridade como peóns.

Dende Australia propoñen unha solución que consiste en instalar dispositivos que funcionan como semáforos no chan, proporcionando ás persoas información para cruzar as rúas de maneira segura.

Visto en wwwhat’s new.

Pong con arduino

Seguro que coñeces o Pong, un xogo integrado nas primeiras videoconsolas dos anos 70. Sabes que podes empregar unha placa de arduino e o entorno de prgramación de mBlock para realizar a túa propia versión? Os xogadores da miña móvense utilizando potenciómetros, como no xogo clásico.

Podes tomar o meu como base e engadirlle extras como a opción de modificar a lonxitude dos xogadores ou a velocidade da bola.

mBlock + arduino + joystick

mBlock é o entorno de programación pensado para controlar o robot mBot. Ademais, pode utilizarse para programar placas de arduino e interaccionar a través delas cos obxectos que creamos en mBlock.

No seguinte vídeo podes ver como utilizar un joystick para mover unha nave de mBlock sobre o escenario de xogo. É só unha proba de concepto pero ten todos os elementos básicos dun xogo, incluído o marcador. Anímaste a melloralo?