Proxectos 2015-16

Estou subindo os vídeos de funcionamento de varios dos proxectos realizados polo alumnado ao longo do curso 2015-16.

No vídeo desta entrada podes ver un telémetro ultrasónico. Unha placa de arduino UNO permite realizar a medida de distancias empregando un sensor ultrasónico. O resultado da medida é mostrado nun LCD.

Esa estraña nube no ceo

Viches algunha vez a Vía Láctea? É probable que non. Calcúlase que un 80% da poboación mundial non pode ver a nosa galaxia debido á contaminación lumínica.

No ano 1994 a cidade de Los Ángeles sufriu un apagón importantísimo a consecuencia dun terremoto. As chamadas de emerxencia comezaron a sucederse, pois no ceo había unha estraña nube prateada e a xente quería saber que era e se tiña relación co terremoto. Moitos dos habitantes estaban contemplando a Vía Láctea por primeira vez!

Máquina de Ruber Goldberg

Podes realizar unha tarefa de forma sinxela ou facelo ao modo dos cómics que debuxaba Rube Goldberg a principios do século pasado. Dende entón, o termo máquina de Ruber Goldberg é usado para referirse a un dispositivo que realiza unha tarefa simple dunha maneira moi complexa, xeralmente empregando efectos encadeados e incorporando un mínimo de 10 pasos.

Boa fin de semana!

Ensaio de resistencia

Os grupos de 2º de ESO traballaron a unidade de estruturas na segunda avaliación. Para poñer en práctica os contidos aprendidos durante a unidade, construímos estruturas realizadas integramente con papel. Nesta última semana puxemos a proba a súa resistencia.

Deixo aquí un vídeo de mostra correspondente ao primeiro ensaio de resistencia de 2ºA.

Estruturas de papel

O alumnado de 2ºA e 2ºB ten o desafío de construír estruturas trianguladas reutilizando o papel inservible da fotocopiadora. Este modelo foi revisado entre todos e cremos que soportará o peso dunha persoa unha vez rematado. Que pensas ti? Probarémolo pronto…

Como adianto, unhas fotos dos proxectos de 2ºB.