Código de cores e polímetro

Propóñovos unha pequena práctica para introducir o código de cores e o polímetro nunha sesión de 3º da ESO.

Por que utilizamos o código de cores? Comeza entregando unha resistencia a cada alumna e alumno do teu grupo, porque é fácil dar resposta a esta pregunta cunha resistencia na man, pero non resulta tan evidente se nunca viches unha.

Podes contarlles entón como usamos as cores para codificar o valor numérico dunha resistencia, e facer un par de exemplos co teu alumnado. Por se alguén necesita recordalo en calquera momento, podes preparar un videotitorial de consulta:

Unha vez teñas explicado como se len as tres primeiras bandas, xorde inevitablemente a dúbida de para que serve a 4ª banda. Coméntalles que os fabricantes non nos aseguran que a resistencia terá un valor numérico idéntico ao valor nominal, pero este vai estar comprendido entre dous valores, un máximo e un mínimo, que veñen determinados polo valor nominal e a tolerancia.

Sempre hai alguén que pregunta se podemos atopar resistencias cun rango de variación moi pequeno. Por suposto, pero antes deberiamos asegurarnos de que necesitamos esa precisión porque teremos que pagala. Nos circuítos que montamos no taller é suficiente unha precisión en torno ao 5% ou o 10% e por iso todas as resistencias que teñen nas mans presentan unha 4ª banda que é dourada ou prateada.

As resistencias do taller teñen o seu valor dentro do rango de variación indicado polo fabricante? Só temos unha maneira de sabelo: usando o polímetro. Acabamos de chegar ao polímetro como resposta a un problema, e aproveitamos para explicar como se utiliza.

Reparte polímetros pola clase e pide ao teu alumnado que determine o valor nominal, a tolerancia e o rango de variación da resistencia que ten na man. Pídelle a continuación que mida a resistencia co polímetro e determine se se atopa dentro do rango de variación que nos asegura o fabricante ou é preciso facermos unha reclamación 🙂

Con esta práctica o alumnado de 3º da ESO terá aprendido cal é o aspecto dunha resistencia comercial, que é o código de cores, para que serve e como se utiliza, que é o valor nominal, a tolerancia e o rango de variación, e finalmente aprenderá a medir resistencias cun polímetro.