folla de proceso

Folla de proceso

Estou traballando a resolución de problemas tecnolóxicos co alumnado de 2º da ESO. Como sempre, inicio cada clase cunha breve introdución de contidos (non máis de 15 minutos) seguida dunha serie de actividades que deben realizar individualmente en Classroom, moitas delas, a través de documentos de Drive.

Unha das tarefas da semana foi aprender a cubrir unha folla de proceso. Para iso, formulei un caso práctico no que dúas rapazas deben construír un obxecto formado por dúas pezas. Compartín este documento co alumnado e unha vez completado, revisei cada unha das follas de proceso para deixar os comentarios necesarios que lles permiten corrixir individualmente a tarefa.

Penso que este método é máis efectivo que corrixir unha tarefa no encerado, onde non teño un control real de como foi realizada por cada alumna e alumno. Con este modelo de sesión, podo saber ao remate da xornada que contidos quedaron claros e cales necesitan ser revisados en sesións posteriores.

Por certo, unha das cuestións da folla de proceso que máis desconcerta ao meu alumnado é facer unha estimación do tempo necesario para realizar cada peza. E revisando as súas respostas, vexo que Xiana e Marta traballan moito máis rápido que a maioría deles 🙂