Visita dos veciños

Da Biblioteca da E.E.I. Barrinovo

Este curso pasado tivemos a visita dos nosos veciños máis novos, o alumnado da E.E.I. Barrionovo acompañado polas súas profes. A idea inicial era contarlles que facemos cos robots na secundaria pero acabamos falando de robótica, hidráulica e moito máis.

Foi unha experiencia fantástica que recollen no blog da biblioteca xunto con outras moitas das interesantes actividades que realizaron ao longo do curso. Grazas!!!

Proxectos 2016-17

Deixo unha mostra dos proxectos realizados polo alumnado do IES de Pastoriza na 3ª avaliación.

En 2º de ESO debían deseñar e construír un prototipo que funcionara con electricidade.

Os proxectos de 3º de ESO debían empregar materiais de refugallo e a súa realización debía permitir o estudo dalgunha propiedade mecánica destes. Ademais, os prototipos construídos debían ser funcionais.

O alumnado de 4º de ESO tivo que deseñar e construír proxectos que incorporaran control de compoñentes cunha placa de arduino e/ou elementos hidráulicos.

Pong con Scratch

Estes días o alumnado de 2º da ESO debe crear un videoxogo usando Scratch, por iso recurpero esta entrada do ano pasado.

Seguro que coñeces o Pong, un xogo integrado nas primeiras videoconsolas dos anos 70. Sabes que podes empregar unha placa de arduino e o entorno de prgramación de mBlock para realizar a túa propia versión? Os xogadores da miña móvense utilizando potenciómetros, como no xogo clásico.

Podes tomar o meu como base e engadirlle extras como a opción de modificar a lonxitude dos xogadores ou a velocidade da bola.

Sketchpad

O curso pasado o meu centro tomou a decisión de comezar a traballar con chromebooks. Son equipos lixeiros en todos os sentidos, con autonomía suficiente para toda a xornada escolar e un prezo que ronda os 200 €. Fixémolo no marco de Google Education, contorno que empregamos dende o curso 2015-16.

A escolla dos chromebooks fai necesario o uso de aplicacións online, dentro ou fóra da chrome store. Precisamente na procura de aplicacións para debuxar, atopei Sketchpad.

Engade as túas imaxes soltándoas sobre a área de debuxo ou usa as da aplicación. Modifica todas as súas propiedades e fai trazados con todo tipo de pinceis. Usa os selos de Sketchpad ou crea os teus. E o mellor de todo, usa capas para organizar todos os elementos!

Timelapse con VirtualDub

Un timelapse é unha secuencia de vídeo que se reproduce a unha velocidade superior á que foi rexistrada, a fin de poder condensar nun pequeno espazo de tempo acontecementos que tiveron unha duración maior. Pode realizarse simplemente acelerando o vídeo gravado ou ben a partir dunha montaxe de fotografías tomadas a pequenos intervalos.

O seguinte exemplo está realizado con VirtualDub a partir de 300 imaxes tomadas ao longo de unha hora e media.

Sistemas de transmisión con engrenaxes

Non sempre é posible instalar aplicacións nos equipos para traballar contidos concretos, polo que está ben dispoñer de opcións online. Con Gears poderás experimentar con sistemas de transmisión de ate catro engrenaxes, coa posibilidade de modificar o número de dentes de cada roda e a velocidade. Ademais do modo de exploración, dispón de dúas seccións máis nas que o usuario debe responder preguntas acerca dos sistemas simulados en pantalla.