Pintar os proxectos

A semana pasada adquirín pintura multisuperficie para o taller.

Debo recoñecer que hai anos era moi reacia a que o alumnado pintara os proxectos polo custo de tempo e cartos que iso implicaba (e porque en moitos casos o resultado era peor que cos materiais á vista).

Pero no mundo real, o aspecto dun produto pode ser o responsable de que escollamos un e non outro de características similares. A elección de cores pode ser importante máis aló do seu valor funcional, e o alumnado debe aprender a tomar decisións tamén neste campo. Por iso xa hai un tempo que decidín integrar a estética no proceso construtivo e penso que foi unha decisión acertada,

Tomando como referencia a folla de proceso cuberta antes de executar a construción, cada grupo decide que pezas se pintan, de que cores e en que momento, sabendo que estas deberán estar listas cando se inicie a montaxe. Cando o alumnado pinta os proxectos aprende a:

  • Planificar o seu traballo.
  • Escoller as cores para os prototipos construídos e comprobar como a elección modifica o resultado final.
  • Optimizar outro recurso máis do taller empregando só a cantidade necesaria.
  • Reutilizar o papel dos xornais (usámolos para poñer debaixo das pezas pintadas).
  • Etiquetar as pezas propias e respectar as dos outros grupos, pois todas quedan secando nunha zona común.
  • Lavar os pinceis, brochas e vasos de vidro (reutilizamos os de iogur) cando rematan a tarefa.