Poñendo a punto o taller

Gústame aproveitar estes primeiros días de setembro, cando as clases aínda non comezaron, para cacharrear e poñer a punto o taller. Unha das tarefas que realizo cada ano é desmontar os proxectos de todo o curso para recuperar os compoñentes e clasificalos a continuación.

No meu departamento pensamos que a materia de tecnoloxía debe desenvolverse a custe cero para as familias, e por iso, todo o material que precisa o alumnado para a realización de cada proxecto ou práctica, se atopa dentro do taller. O departamento merca a madeira, a termocola, os motores, os compoñentes electrónicos, as placas de montaxe, as pinturas,… Para facelo sostible, cada ano desmontamos a maioría dos proxectos e recuperamos os seus elementos para usalos de novo.

Sempre hai un pequeno número de proxectos que se incorpora á exposición permanente que temos no taller, nun estante que percorre a parede máis longa da aula e que se atopa a un par de metros do chan. Cando o alumnado entra por primeira vez ao taller, pode ver e manipular os traballos que se realizaron nos cursos anteriores. Esa información tamén está accesible a través do vídeo que recolle a exposición de xuño e que publico cada ano na fin de curso.