Proxecto de 2º: establecemento con toldo

Cando defino o proxecto da primeira avaliación de 2º da ESO teño en conta que o alumnado non realizou ningún proxecto antes, e por iso opto por propostas bastante pechadas nas que se traballa sobre un deseño dado, e cada grupo pode tomar decisións sobre algúns elementos.

Partimos do suposto de que os comerciantes locais encargan ao alumnado de 2º da ESO o estudo da instalación de toldos nos diferentes establecementos. Cada grupo deberá seguir os pasos necesarios para deseñar unha solución e construíla. Para iso contan cunha documentación moi completa que incorpora unha imaxe do prototipo cos nomes das pezas, un plano, un exercicio para practicar escalas, a folla de proceso para a construción, e a rúbrica que empregarei para avaliar o seu traballo.

Na imaxe pode verse un prototipo realizado con cartón.

Ao final da avaliación, o alumnado terá aprendido a:

  • Estruturar un proxecto nas súas fases: observar, deseñar, construír e avaliar.
  • Interpretar unha representación por vistas.
  • Manexar escalas.
  • Deseñar diferentes elementos dun proxecto.
  • Planificar a construción a través dunha folla de proceso.
  • Consultar unha rúbrica.
  • Traballar en grupo facendo propostas e tomando decisións.

Na segunda avaliación será quen de realizar integramente o seu propio deseño a partir dun problema que precisa solución, e unha serie de requisitos.