Proxectos con mecanismos

O alumnado de 2º da ESO xa tivo a ocasión de realizar un proxecto totalmente guiado durante a primeira avaliación, e na segunda, cada grupo deberá deseñar o seu propio proxecto.

Comezamos coa formación dos grupos e para iso, repasamos cun kahoot todos os contidos da unidade de mecanismos vistos até o momento. Seguindo a clasificación proporcionada ao final da partida, pregunto ao alumnado se quere formar grupo ou prefire ser escollido. Reúnome no fondo do taller coas seis persoas que formarán grupo, mentres o resto do alumnado continúa coas tarefas de classroom, e cada unha delas escolle por turno aos compañeiros cos que traballará nesta avaliación.

Na seguinte sesión reviso co alumnado diferentes prospostas que inclúen proxectos realizados en cursos anteriores. Poden considerar calquera delas como idea base ou realizar unha completamente nova. En calquera caso, deben discutila comigo explicándome en que consistirá e como será o funcionamento.

O paso seguinte é realizar un esbozo do proxecto e a continuación, o despece (non necesariamente a escala) e o acoutamento. Un dos requisitos de calquera proxecto é que debe poder gardarse dentro das caixas que empregamos no taller, polo que deberán tomar decisións ao respecto no dimensionado das pezas.

Unha vez reviso e aprobo o despece dun grupo, comeza a fase de construción, que é onde agora mesmo nos atopamos.