Proxectos finais

Chegamos á terceira avaliación e agora é o momento de que o alumnado aplique os coñecementos adquiridos no deseño e realización dun proxecto propio.

Cada grupo debe investigar e decidir que quere construír como proxecto de fin de curso, respectando sempre unha serie de requirimentos. Unha vez tomada a decisión, deben presentarme a idea e discutila comigo para obter a aprobación do proxecto. Nalgunhas ocasións a proposta pode non resultar adecuada por diferentes motivos, e nese caso, o grupo debe realizar modificacións ou presentar unha nova proposta.

Cando o proxecto é aprobado, desenvolven a súa idea en planos, solicitan o material necesario, e comezan a construír.

2º da ESO

Deben incorporar un circuíto eléctrico e non sobrepasar as dimensións dunha caixa de proxectos. Algúns dos proxectos en fase de execución son:

  • Sen inversión de xiro: unha avioneta con dúas hélices e luz, unha nora, un muíño con luz, unha lancha propulsada por dous motores, a ruleta da fortuna, un tiovivo,…
  • Con inversión de xiro: unha porta corredeira, unha porta de garaxe enrolable, un ascensor, unha ponte levadiza,…

3º da ESO

Deben incorporar o control de dispositivos cunha placa de arduino e non sobrepasar as dimensións dunha caixa de proxectos. Algúns dos proxectos en fase de execución son:

  • Semáforo para peóns que mostra a conta atrás nun display de 7 segementos para indicar o tempo que resta en verde
  • Dado electrónico que mostra a tirada nun display de 7 segmentos
  • Xogo con dobre botón no que gaña o xogador que pulsa primeiro, e o resultado é mostrado nun display de 7 segementos
  • Refuxio antiaéreo no que se mostran diferentes mensaxes nunha pantalla LCD e ademais incorpora luces e un sinal de alarma
  • Secador de unllas funcional que recicla o ventilador dun ordenador

4º da ESO

Deben incorporar o control de dispositivos cunha placa de arduino e/ou actuadores hidráulicos. Estes proxectos poden exceder as dimensións dunha caixa de proxectos se é necesario. Algúns dos proxectos en fase de execución son:

  • Foguete con movemento hidráulico que mostra a secuencia de despegue a través dunha pantalla LCD
  • Ascensor hidráulico con indicador de piso a través dun display de 7 segmentos
  • Autolavado con porta hidráulica que mostra diferentes mensaxes nunha pantalla LCD
  • Boneco con articulacións hidráulicas

Seguirei informando acerca dos 33 proxectos que xa están en marcha!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *