Repasamos con Kahoot

Para determinar que aprendeu o noso alumnado ao remate dunha unidade, realizamos diferentes probas. Utiliza Kahoot para repasar os contidos dunha forma máis amena e interactiva!

Nesta plataforma podemos crear baterías de preguntas con resposta múltiple incorporando (ou non) unha imaxe para cada unha das cuestións. Os diferentes parámetros permiten barallar as preguntas e as respostas, establecer o tempo para cada unha das entradas ou dar puntos extra por unha tanda de acertos, entre outras opcións. Tras cada pregunta, o alumnado pode ver a táboa coas puntuacións máis altas.

Cando uso Kahoot para repasar, o alumnado xoga de forma individual (se non tes ordenadores para todos, podes facer equipos) e a puntuación obtida ao final do repaso queda rexistrada para ser sumada á nota do exame.

As porcentaxes de acertos en cada unha das respostas (a folla de cálculo co rexistro da partida é utilísima!!!) indícanme cando debo incidir en aspectos que non están suficientemente claros, pero é importante que esas explicacións entre preguntas non rompan a dinámica do xogo, polo que deben ser breves. Para asegurar este punto, decidín introducir unha regra que xa asumimos como parte do xogo: o alumnado que se despista durante ás aclaracións dunha pregunta, perde turno na seguinte cuestión 🙂