Sóbranche 10 minutos ao final de clase?

Que facemos neses minutos que quedan antes de que toque o timbre? Aquí van 10 propostas:

  1. Dispón dunha área de xogos onde engadir elementos que estean relacionados coa materia, e tamén os que o alumnado vaia propoñendo. Uns minutos de xogo relaxado poden ser un gran incentivo á hora de realizar as tarefas propostas para a sesión.
  2. Ten sempre no taller diferentes montaxes listas para mostrar: circuítos pneumáticos, circuítos electrónicos, robots programados, mecanismos,… Non importa que sexan relativos a contidos doutro nivel porque non se trata de explicalos en profundidade, só de mostrar o seu funcionamento e fomentar as preguntas por parte do alumnado. Tamén podes empregar proxectos de cursos anteriores.
  3. Aproveita para falar co alumnado e recoller as súas suxestións, propostas de mellora, peticións,… É moi importante implicalos na toma de decisións: organización das sesións da semana, elección de proxectos, realización de prácticas,…
  4. Repasa para todo o grupo esas operacións básicas sobre as que tes que volver unha e outra vez: cambiar o pelo a unha segueta, cambiar a broca do trade, suxeitar unha peza cun sarxento, marcar unha peza de madeira a escuadro,…
  5. Repasa o nome das diferentes ferramentas que tes nos paneis do taller (a ser posible, en varias linguas) explicando para que serve cada unha delas e como se usa.
  6. Introduce ferramentas de uso menos frecuente: cepillo de carpinteiro, calibre, botador, ingletadora,…
  7. Explica por que a pistola termoencoladora debe deixarse sempre de pé, apoiada sobre o estribo, e que sucede cando se deixa tumbada. Cando unha pistola termoencoladora se estropea, aproveito para abrila e mostrar toda a cola que hai fóra da cámara de fundición.
  8. Realiza unha pequena práctica de corte e dobrado de cartón con coitela. Podes facer esta actividade con todo o grupo ou dispoñer varias prácticas pequenas para realizar en paralelo.
  9. Insiste nas normas de seguridade do taller. Estas poden estar á vista dentro da aula para referirnos a elas de forma rápida cando sexan incumpridas.
  10. Utiliza os obxectos do taller e os proxectos de cursos anteriores para facer exercicios de despece e de representación mediante vistas.