Todo un curso por diante

Sabemos que setembro está ao caer porque os grupos de whatsapp que temos cos colegas comezan a encherse de memes sobre a volta ao cole… e toooodo o que iso supón. Que tal se animamos o regreso aos centros introducindo cambios? Pensa nesas ideas que sempre quixeches poñer en práctica na túa aula. Se cadra acaban sendo o punto de partida de melloras de maior alcance.

Podes comezar modificando o contorno de traballo e facendo que sexa máis agradable para o alumnado e para ti: cambia a disposición das mesas, organiza os bancos de traballo de maneira diferente, introduce pequenos elementos como superficies adhesivas sobre as que escribir de maneira informal (ti e o alumnado), prepara material de uso común como papel de segundo uso ou unha caixa con lapis,… E non tentes facelo todo na primeira semana, porque ademais a opinión do teu alumnado é clave para construírdes xuntos o lugar de traballo que queredes.

No relativo á didáctica, non é necesario que introduzas novos elementos en toda unha unidade. Podes facer probas con contidos concretos e comprobar que tal funcionan. En xeral, a recomendación é ir sempre de menos a máis… porque temos todo un curso por diante!