Un oso amoroso e un par Darlington

Algúns xoguetes como o da imaxe activan o seu dispositivo de saída (unha melodía, unha luz,…) cando o usuario toca dous puntos que fan que un circuíto eléctrico se peche.

Care-Bear01Como funcionan? Nesta situación, o corpo do usuario forma parte do circuíto cunha determinada resistencia que en principio faría que a intensidade establecida fora insuficiente para activar o dispositivo de saída. Isto pode solucionarse cunha etapa de amplificación con transistor.

O transistor amplifica a intensidade que entra a través da súa base, proporcionando unha intensidade de colector que dependerá da intensidade de entrada e da ganancia do transistor.

Pode suceder que o transistor non sexa quen de proporcionar unha intensidade suficientemente alta para activar o dispositivo de saída, e nese caso será preciso amplificar aínda máis a intensidade que entra pola base.

Esta operación pode realizarse cun par Darlington, onde dous transistores se conectan como se indica na figura, de maneira que a ganancia do conxunto é o produto das ganancias de ambos.darlington

No vídeo, os alumnos de 4ºA fixeron unha cadea colléndose das mans para pechar o circuíto, agarrando un deles o cable conectado ao polo positivo da pila e outro, o cable conectado á base do primeiro transistor.

Como resultado, o LED conectado no colector do segundo transistor acéndese cando a cadea está pechada e apágase no momento en que a cadea se abre nalgún punto, pois nesa situación temos un circuíto aberto. A configuración Darlington permite que a intensidade que circula polo LED sexa suficiente para acendelo a pesar da resistencia introducida pola inclusión de 13 persoas no circuíto!